AS902859
Primeiro Equipo

Duelo sen recompensa para o RC Celta en La Catedral (3 – 1)

RC Celta

O RC Celta visitou o estadio de San Mamés na sexta xornada de LALIGA EA SPORTS para enfrontase ao conxunto de Ernesto Valverde.

O encontro non comezou con boas noticias para Claudio Giráldez que, 3 minutos despois do inicio, vía como Óscar Mingueza retirábase do partido con molestias na súa coxa esquerda, sendo substituído por Marcos Alonso. Momentos de confusión que o Athletic Club aproveitaba para poñerse por diante no marcador, no minuto 4, cando Guruzeta cazaba un balón perdido na área celeste. Os leóns atacaron primeiro pero o Celta soubo recompoñerse e dominar o partido.

Mandaba o conxunto vigués, xogaba ben, controlaba o tempo e buscaba o empate. Sería na metade da primeira parte, cando Iago Aspas era derrubado na área tras unha acción co porteiro que o colexiado, Sánchez Martínez, sinalaba como penalti. Aproveitouno o de Moaña para igualar o partido. 1 – 1 no marcador e seguían os ataques celestes, esta vez, Marcos Alonso tentábao cun bo remate que sacaba Aguirrezabala. Tres minutos despois, Iago Aspas marcaba o segundo tras un bo pase de Jonathan Bamba pero, finalmente, non subía ao marcador por fóra de xogo. A piques de terminar a primeira parte, un centro de Berenguer alcanzábao de cabeza Guruzeta para marcar o segundo do Athletic.

Vaso de auga fría para o conxunto de Claudio Giráldez ao fío do descanso e cando eran claros dominadores do encontro. Un duro golpe que se puido notar nos primeiros compases da segunda parte cando os celestes non terminaban de atopar boas sensacións. Aos poucos, fóronse reconstruíndo, o Celta era o posuidor do balón e estaba a gozar do xogo o que supoñía unha auténtica ameaza para os locais. Pero, as arremetidas celestes non terminaban de atopar portería e o partido decidiríase, a dez minutos do asubío final, nun contraataque dos branquivermellos, capitaneado por Iñaki Williams, que Djaló remataba ante Vicente Guaita anotando o terceiro.

Esta vez, non puido ser pero a competición continúa. A seguinte cita do calendario recalará novamente en Abanca Balaídos onde o RC Celta enfrontarase ao Atlético de Madrid o vindeiro xoves, 26 de setembro, ás 21:00h.

FICHA TÉCNICA:

3 – Athletic Club: Aguirrezabala (Padilla, min. 46), De Marcos, Vivian, Paredes, Adama (Lekue, min. 65), Jauregizar (Galarreta, min. 65), Prados, Berenguer (Unai Gómez, min. 75), Sancet, Iñaki Williams e Guruzeta (Djaló, min. 77).
1 – RC Celta: Vicente Guaita, Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Jailson (Carlos Domínguez, min. 63), Óscar Mingueza (Marcos Alonso, min. 3), Damián Rodríguez, Hugo Sotelo (Ilaix Moriba, min. 63), Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 68), Iago Aspas, Jonathan Bamba e Tasos Douvikas (Borja Iglesias, min. 68).

Goles: 1 – 0, min. 4: Guruzeta. 1 – 1, min. 25: Iago Aspas. 2 – 1, min. 39: Guruzeta. 3 – 1, min. 80: Djaló.
Árbitro: Sánchez Martínez (Comité Murciano). Por parte do RC Celta, amonestou con cartón amarelo a Hugo Sotelo (min. 50) e a Ilaix Moriba (min. 86) e, por parte do Athletic Club, viron tarxeta Berenguer (min.20), Paredes (min. 30) e Prado (min. 52).
Incidencias: Partido correspondente á sexta xornada de LALIGA EA SPORTS disputado no estadio de San Mamés ante 48.737 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas