O RC Celta e a Consellería de Educación da Xunta de Galicia asinaron un convenio de colaboración co obxectivo de impulsar a formación dos mozos a través do deporte. Este acordo permitirá que estudantes de Formación Profesional, en ciclos especializados en actividades deportivas, poidan realizar as súas prácticas nas instalacións do club, e abre a porta a futuras liñas de traballo conxunto no marco da FP dual. Na sinatura estiveron presentes: Marián Mouriño, presidenta do RC Celta; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Caros Cao, director de Relacións Institucionais do club; Ana Ortiz, delegada territorial da Xunta en Vigo; e Eugenia Pérez, directora xeral de Formación Profeisonal.
Marián Mouriño valorou tamén este acordo como un paso fundamental na estratexia formativa do club. “Este convenio é un paso moi importante para que os mozos poidan atopar no Celta un espazo no que comezar a desenvolver a súa carreira profesional. Supón un avance significativo tanto para a Consellería como para o club, que sempre tivo entre as súas prioridades formar talento desde dentro, cos nosos valores, a nosa metodoloxía e a nosa identidade. Este é só o inicio dun camiño que continuará crecendo coa Cidade Deportiva Afouteza e o proxecto GS360”.
Román Rodríguez González tamén subliñou a importancia desta alianza. “Desde a Xunta queremos que a Formación Profesional sexa unha ferramenta útil para a sociedade galega e colaborar cunha institución tan relevante como o RC Celta é de gran axuda para conseguilo. Grazas a este acordo, os alumnos poderán realizar prácticas nunhas instalacións, e cuns equipamentos, de máximo nivel. Unha sinerxia moi positiva para os estudantes, para o Celta e para Galicia”.
O acordo representa unha fito clave para a Consellería de Eduación e para o RC Celta, xa que reafirma o compromiso de ambos coa formación, a innovación e o desenvolvemento de oportunidades reais para as novas xeracións. Pero tamén se mostra como unha alianza estratéxica para Galicia, que permitirá reforzar o seu papel como referente deportivo, educativo e social.