
O Celta volve a Europa por segundo ano consecutivo e afronta a súa undécima tempada continental coa intención de levar tamén fóra de Galicia algunhas das sinais que forman parte da súa identidade, como xa aconteceu a pasada campaña coa pandeireta. Nesta ocasión, no intercambio institucional de agasallos, o club agallará aos equipos rivais dúas figuras dun clásico futbolín galego.
O futbolín forma parte dunha das tradicións máis recoñecibles da cultura popular de Galicia. Durante xeracións, bares, cafés e sociedades foron tamén lugares de encontro arredor dunha mesa na que aqueles pequenos xogadores de metal protagonizaban os seus propios partidos. Para moitos galegos, o futbolín forma parte da memoria colectiva tanto como o propio fútbol: un lugar de encontro, competición, amizade e conversa.
A súa historia está, ademais, ligada a un galego e a un dos episodios máis difíciles do século XX español. Durante a Guerra Civil, o poeta e inventor Alexandre de Fisterra, ferido e hospitalizado en Madrid, ideou e patentou en 1937 o futbolín pensando naqueles nenos que, coma el, non podían xogar ao fútbol. Desde entón, este pequeno xogo quedou unido dun xeito moi especial a Galicia: unha forma de levar o fútbol alí onde non podía existir un campo.
Con ese espírito, o Celta quixo incorporar esta tradición ao seu percorrido europeo. En cada cita, o club agasallará o equipo rival con dúas figuras pertencentes a ese futbolín clásico galego, pintadas a man especialmente para a ocasión. Unha vestirá de celeste e a outra levará as cores do equipo rival. Serán dúas pezas únicas para cada encontro, concibidas como recordo dunha noite europea e, sobre todo, como unha pequena forma de compartir Galicia con cada un dos clubs que o Celta atope no seu camiño por Europa.