O Celta Fortuna continúa reforzando o seu plantel para a próxima tempada coa incorporación de Álvaro Marín, novo dianteiro procedente do Athletic Club. Formado na canteira de Lezama, firma por catro tempadas e defenderá o escudo celeste ata 2029.
Con tan só 21 anos, Marín chega a Vigo tras o seu paso pola SD Amorebieta, onde xogou en calidade de cedido. Anteriormente, tivo unha experiencia internacional na Segunda División dos Países Baixos co Helmond Sport, onde disputou 25 partidos de liga e anotou 5 goles. A súa polivalencia na liña ofensiva e a súa capacidade de adaptación convérteno nunha peza de gran proxección para o filial.
A chegada de Álvaro Marín supón un novo reforzo para o conxunto dirixido por Fredi Álvarez, que continúa perfilando o equipo para unha esixente tempada en Primera Federación.
O Celta quere darlle a benvida e desexarlle o maior dos éxitos nesta nova etapa como celeste.
Benvido, Álvaro!