O Celta sumou o seu terceiro empate consecutivo da tempada, pero está vez sufrindo a chamada inxustiza do fútbol xa que os de Claudio Giráldez mostráronse moi superiores ante un Villarreal que quedou sen opcións en Abanca Balaídos.
Con nove xogadores con pasado no Celta Fortuna plantábase o conxunto celeste sobre o terreo de xogo para facerlle fronte a un dos cadros máis esixentes da categoría, e non faltaron a alma, o carácter e a personalidade dun equipo con fame de vitoria que nos primeiros 45 minutos do encontro non cedeu e a base de transicións rápidas logrando someter aos de Marcelino.
Os celestes ofreceron un primeiro tempo notable, dominando o balón, o ritmo e as ocasións, sen conceder nin unha soa chegada, pero faltou a precisión nos últimos pases. Con todo, o inicio da segunda metade quixo ser cruel e, no minuto 53, Pépé adiantaba no marcador ao conxunto rival. Un gol que descolocó ao Celta durante varios minutos, pero Claudio Giráldez reaccionou rapidamente con cambios valentes que deron aire e profundidade ao equipo. O asedio final tivo premio cando todo parecía perdido: un centro á área no minuto 94, un cabezazo de Javi Rueda e, en segunda xogada, Borja Iglesias cazou o empate tamén de cabeza, desatando a euforia nas bancadas de Abanca Balaídos. Uns últimos minutos trepidantes nos que mesmo os celestes puideron terminar alzándose coa vitoria.
Finalmente, pitaba o árbitro o termo do partido con empate no marcador co que os celestes suman un punto antes do parón de seleccións. A seguinte cita será tamén en casa ante o Girona o vindeiro domingo 14 de setembro ás 14:00h.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celta: Andrei Radu, Javi Rodríguez (Óscar Mingueza, min. 75), Carlos Domínguez, Manu Fernández, Hugo Sotelo, Miguel Román (Ilaix Moriba, min. 69), Javi Rueda, Sergio Carreira, Iago Aspas (Williot Swedberg, min. 69), Bryan Zaragoza (Borja Iglesias, min. 62) e Pablo Durán (Hugo Álvarez, min. 62).
1 – Villarreal: Júnior R., Rafa Marín, Foyth, Santi Comesaña, Mouriño, Buchanan (I. Akhomach, min. 77), Gueye (Parello, min. 77), Pépé (Renato Veiga, min. 85), A.Moleiro (Thomas, min. 67), Cardona e Etta Eyoug (Oluwaseyi, min.77).
Goles: 0-1, min. 53: Pépé. 1-1, min. 93: Borja Iglesias.
Árbitro: Quintero González (Comité andaluz). Por parte do Celta, amoestou con tarxeta amarela a Miguel Román e mostrou tarxeta vermella a un membro do equipo técnico. Mentres que do Villarreal, viu amarela Gueye.
Incidencias: Partido da xornada 3 de LaLiga EA Sports disputado no estadio Abanca Balaídos ante 21.172 espectadores.