Oliveira dos Cen Anos soou por primeira vez en competición europea nunha noite para o recordo. No segundo partido da fase de grupos da UEFA Europa League, os celestes asinaron a súa primeira remontada do curso para lograr unha vitoria merecida ante o PAOK de Salónica nun Abanca Balaídos que volveu vestirse de gala para unha cita europea.
Comezaron dominando os pupilos de Claudio Giráldez, aínda que, pasada a media hora de xogo, foi o conxunto grego o que asestou o primeiro golpe tras un erro na saída de balón que aproveitaba Giakoumakis para subir o 0–1 ao marcador. Un gol inesperado que non fixo perder a fe a un Celta que continuou presionando ata que se fixo xustiza ao fío do descanso. Iago Aspas, o elixido, anotaba o primeiro tanto celeste en casa en competición europea para conseguir a igualada e acender a unha bancada completamente envorcada co equipo.
Na segunda metade, os celeste saltaron ao terreo de xogo como un auténtico vendaval e sen apenas deixar espazos, continuaron vivindo en campo contrario. As oportunidades sucedíanse mentres o PAOK non terminaba de atopar a maneira de reter as súas arremetidas. Tras varios avisos, Borja Iglesias, co seu sexto gol consecutivo, culminou unha gran xogada colectiva para adiantar ao Celta. Pouco despois, Williot Swedberg facía o seu tras unha contra perfecta que, tras ser validada polo VAR, servía para sentenciar o partido.
Remontada e vitoria como broche a unha noite na que as emocións volveron estar a flor de pel. Xuntos volvemos gozar e a ver xogar ao Celta competicións europeas en casa. Unha noite máxica da que o equipo sae reforzado e xa espera ao que será o seu próximo rival, o Atlético de Madrid que visitará Abanca Balaídos en tan só tres días, o domingo ás 21:00h.
FICHA TÉCNICA:
Celta: Radu, Manu Fernández, Carl Starfelt, Marcos Alonso, Javi Rueda (Javi Rodríguez, min. 83), Damián Rodríguez, Ilaix Moriba, Óscar Mingueza (Carlos Domínguez, min. 68), Iago Aspas (Bryan Zaragoza, min. 74), Borja Iglesias (Ferran Jutglà, min. 68) e Williot Swedberg (Pablo Durán, min. 74).
PAOK: Pavlenka, Sastre, Vogliacco (Kedziora, min. 74), Michailidis, Baba, Bianco (Soualiho, min. 61), Ozdoev, Despodoy (Zivkovic, min. 70), Mady (Taison, min. 70), Konstantelias e Giakoumakis (Chalov, min. 61).
Goles: 0-1: min. 37, Giakoumakis. 1–1: min. 45+2, Iago Aspas. 2–1: min. 53, Borja Iglesias. 3–1: min 71, Williot Swedberg.
Árbitro: Igor Pajac (Croacia). Por parte do Celta, amoestou a Óscar Mingueza, Williot Swedberg e Ilaix Moriba. Mentres que do conxunto grego viron amarela Giakoumakis e Ozdoev.
Incidencias: Partido correspondente á segunda xornada da fase de grupos Europa League disputado en Abanca Balaídos ante 20.849 espectadores.