FH5A0687
A Canteira

O Celta Fortuna non atopa respostas ante o pulo do Tenerife (4-0)

RC Celta

O Celta Fortuna regresou da súa visita a Tenerife cunha derrota por 4-0 nun partido que se lle complicou desde o inicio e no que nunca conseguiu sentirse cómodo. O conxunto local amosou moita eficacia na área, mentres que o filial celeste tivo dificultades para sosterse defensivamente e para transformar as súas fases de dominio en ocasións reais.

A primeira metade comezou torcida para o Fortuna, que encaixou o primeiro gol practicamente na primeira chegada do Tenerife. Ese golpe inicial obrigou aos galegos a remar a contracorrente desde moi cedo. O equipo tentou asentarse con posesións máis longas e cunha circulación máis calma, aínda que cada perda xeraba perigo pola velocidade dos locais. Antes do descanso chegou o segundo tanto do Tenerife tras unha acción ben trenzada que deixou un marcador moi complicado para o cadro celeste.

Na segunda metade, o Celta Fortuna deu un paso adiante e semellou meterse no encontro cando dispuxo dun penalti que podería ter cambiado o ton do partido, pero o lanzamento non atopou porta. A situación complicouse pouco despois coa expulsión de Hugo Burcio, e o Tenerife soubo aproveitar a superioridade numérica. Os homes de refresco achegaron enerxía e participaron nos dous goles finais que pecharon unha noite difícil para os de Fredi Álvarez.

O Celta Fortuna asume unha derrota que doe pola sensación de terse quedado sen respostas en momentos clave, pero o equipo xa pasa páxina e céntrase en preparar o seu seguinte compromiso. Os celestes mediránse á Ponferradina o domingo 23 de novembro ás 12.00 horas na casa, co obxectivo de regresar á senda da vitoria.

FICHA TÉCNICA:

CD Tenerife (4): Dani Martín; César, Landázuri, José León, David (Zoilo, 56′); Alassan (67′), Aitor Sanz (Juanjo, 78′), Fabricio (Ulloa, 84′), Nacho Gil; De Miguel e Enric Gallego (Maikel Mesa, 84′).

Celta Fortuna (0): Coke Carrillo; Gavián, Anxo Rodríguez (Ndiaye, 90′), Meixus, Jaime Vázquez (Miller, 46′), Arcos (Luis Bilbao, 86′); Antañón (De la Iglesia, 61′), Burcio; Óscar Marcos (Capde, 81′), Hugo e Álvaro Marín (Samuah, 81′).

Goles: 1-0: (45 seg.) Enric Gallego. 2-0: (44′) De Miguel. 3-0: (91′) Ulloa. 4-0: (98′) Balde.

Árbitro: Olatz Rivera Olmedo, colegio vasco. Expulsou a Hugo Burcio (73′) por dobre cartón amarelo. Amonestou, ademáis, ao local Aitor Sanz (39′), Fabricio (45’+2), Enric (80′); así como ao visitante Anxo (51′).

Incidencias: Partido correspondente á Xornada 12 de Primera RFEF no Heliodoro ante uns 12.216 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

A Canteira Celta b Celta Fortuna Novas canteira Novas celta b

Noticias recomendadas