
A afección celeste elixiu a Andrei Radu como gañador do Premio MVP Estrella Galicia do mes de outubro. O gardameta romanés impúxose nas votacións a Iago Aspas e Pablo Durán, converténdose así no segundo xogador do Celta en recibir este recoñecemento na presente tempada. Un premio que destaca nos xogadores os valores de esforzo e inconformismo da cervexa icónica de Hijos de Rivera e da propia compañía, e que confirma o gran momento de forma e rápida adaptación do xogador desde a súa chegada a Vigo.
Radu amosouse especialmente agradecido e compartiu como viviu estas primeiras semanas no club: “Foron uns meses marabillosos, foi mellor do que esperaba”. Tamén falou sobre a recente lesión que sufriu, restándolle importancia malia as molestias: “Estou ben, aínda me doe un pouco o dedo, pero non podo parar porque temos moito traballo que facer este ano; temos que facer un pouco de sacrificio”.
O porteiro valorou ademais o arranque do curso do equipo: “O principio da tempada foi un pouco decepcionante porque xogabamos ben, pero empatabamos. Logo chegaron as vitorias e espero que empecemos outra serie de resultados positivos”.
Cun tramo final de 2025 marcado pola acumulación de partidos, Radu asegura que o vestiario mantén a mesma mentalidade: “Afrontamos esta semana como afrontamos todas, coas mesmas ganas, co mesmo traballo, e estamos listos”.
Sobre o premio Estrella Galicia, o gardameta dixo que lle facía especial ilusión. “A primeira cousa que vin cando entrei no vestiario foron os premios de xogador do mes de Iago, que ten tres ou catro enriba do seu sitio, e pensei que sería moi bo recibir un tamén. Agora téñoo aquí e estou moi contento. Espero no futuro gañar máis”, confesou.
Por último, Radu quixo rematar agradecendo o apoio que recibiu por parte do celtismo desde o primeiro día. “Moitas grazas, afección. Nunca deixedes de animarnos porque nós continuaremos dando todo no campo e por esta camisola”.
Parabéns, Radu!