
O Celta Fortuna volve selar unha remontada de mérito no último minuto para levar un triunfo clave nun partido de moita tensión ante un rival directo.
Alertaba Fredi Álvarez da importancia de resistir o empuxe inicial dun Racing de Ferrol reforzado animicamente tras o seu último triunfo ante o líder da categoría. E así foi. O conxunto ferrolán saíu desatado, presionando alto, roubando en campo contrario e adiantándose no marcador pouco despois do inicio. O partido ía tomando unha velocidade de infarto entre dous auténticos titáns pero o guion cambiou de forma abrupta aos sete minutos. Álex Zalaya era expulsado tras unha acción antideportiva sobre Álvaro Marín revisada polo videoarbitraxe que deixou ao Racing en inferioridade e alterou por completo o sistema. O Celta Fortuna, lonxe de precipitarse, comezou a ocupar mellor os intervalos, alargou o campo e atopou profundidade polo costado dereito. O empate chegou tras unha xogada ben elaborada e finalizada por Álvaro Marín, que xa avisara minutos antes cun remate ao traveseiro. O partido non perdeu intensidade en ningún momento e, antes do descanso, Coke protagonizou dúas intervencións de mérito que evitaron o segundo tanto local.
Na continuación, o filial celeste monopolizó a posesión e o territorio. Fredi moveu o banco para refrescar pernas e aumentar o ritmo de circulación. Con todo, a expulsión de Milla superada a hora de xogo volvía equilibrar as forzas. O partido tornouse de ida e volta, na que ambos os conxuntos exhibiron o seu talento para tratar de adiantarse no marcador. O Racing rozou o segundo cun disparo ao poste, mentres o Celta Fortuna insistía con centros laterais e segundas xogadas.
Cando o encontro entraba na súa fase final e o empate parecía case asegurado, non nos podemos esquecer que estamos a falar do Celta Fortuna. Corría o minuto 92, este equipo nunca deixa de crer e un envío á área de Ángel Arcos atopou a determinación de Álvaro Marín, que atacou o espazo para asinar o 1-2 definitivo.
Unha vitoria coa que os pupilos de Fredi Álvarez volven demostrar a súa capacidade para competir en calquera escenario e coa que alcanzan os 48 puntos na clasificación. Afianzados na parte alta, toca seguir traballando para recibir o vindeiro sábado, 28 de febreiro ás 16:00h., á AD Mérida no estadio de Barreiro.
FICHA TÉCNICA:
1 – Racing de Ferrol: Miquel Parera; Pujol, Artetxe, Zalaya, Álvaro Ramón; Fabio (Sergio Tejera, min. 70), Ander Gorostidi, Raúl Dacosta (Mardones, min. 15), Álvaro Juan (David Concha, min. 70); Pascu (Azkune, min. 88) e Álvaro Giménez (Antón Escobar, min. 70).
2 – Celta Fortuna: Coke; Quique Ribes, Pablo Meixús (Jan Oliveras, min. 46), Jaime Vázquez; Milla, Capdevila (Andrés Antañón, min. 46), De la Iglesia, Anthony (Kibet, min. 46); Hugo González (Luis Bilbao, min. 79), Álvaro Marín e Óscar Marcos (Ángel Arcos, min. 75).
Goles: 1-0, min. 3: Álvaro Juan. 1-1, min. 16: Álvaro Marín. 1-2, min. 92: Álvaro Marín.
Árbitro: Guillermo Cueto Amigos (León). Por parte do Celta Fortuna, mostrou cartolina vermella a Milla no minuto 63 e amoestou con amarela a Pablo Meixús, Anthony, Luis Bilbao e a Hugo González. Mentres que, por parte do Racing de Ferrol, foi expulsado por vermella directa Ález Zalaya aos 7 minutos e viron tarxeta amarela Sergio Tejera e Pujol.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 25 de Primera Federación versus e-Learning disputado no estadio de A Malata.