
O Celta e o Asante Kotoko SC alcanzaron un acordo para o traspaso definitivo dos dereitos do xogador, Bernard Somuah. O atacante ganés continuará vinculado á entidade celeste ata xuño de 2030.
Somuah chegou a Vigo en agosto de 2024 e, tras unha primeira etapa no Xuvenil A, deu o salto esta tempada ao Celta Fortuna. O seu debut en Primera Federación tivo lugar na xornada inaugural ante o Zamora CF e, desde entón, consolidouse como un recurso habitual no esquema de Fredi Álvarez.
Nos máis de 800 minutos que acumula na categoría, Bernard anotou 5 goles achegando velocidade, desborde e determinación no un contra un. As súas actuacións foron decisivas en momentos clave da tempada, como na histórica remontada ante o Talavera en Barreiro, onde anotou sobre a bucina o tanto que lle daba a volta ao marcador.
O seu rendemento enmárcase na sobresaliente campaña que está a asinar o filial celeste, actualmente segundo na clasificación cunha bagaxe de 48 puntos.
Con tan só 19 anos, o Celta asegura a continuidade dun futbolista cunha enorme proxección que seguirá desenvolvendo o seu talento co escudo celeste no peito.