
Esta fin de semana, Vigo volveu viaxar a 1809 para conmemorar unha das grandes fazañas que marcou a súa historia, a Reconquista. Entre rúas engalanadas, veciños ataviados de época e o bulicio característico do Casco Vello, decenas de milicianos recrearon, unha vez máis, a expulsión das tropas napoleónicas da cidade.
Entre os actos que se levaron a cabo nesta edición, a presidenta do Celta, Marián Mouriño, foi distinguida como miliciana de honra. O nomeamento, que tivo lugar no escenario da Porta do Sol nun acto organizado pola Asociación de Veciños Casco Vello, Marián Mouriño pronunciou o seu xuramento ante as centenares de persoas que abarrotaron as rúas durante toda esta fin de semana.
Con este nomeamento, a presidenta celeste comprometeuse a protexer e non desamparar á cidade, así como a preservar e difundir a historia da Reconquista e a memoria de quen a protagonizou. Nunha chiscadela á actualidade deportiva do club, tamén se comprometeu a facer todo o posible para “derrubar esa porta” que achegue a Europa League a Vigo.
Un soño común que se coou nun xuramento que queda selado ante miles de persoas e que reforza o vínculo do Celta, non só coa historia da súa cidade, senón coa súa xente e cunha identidade que nos define. Porque seguir mantendo viva a nosa historia, 217 anos despois, é tamén unha forma de seguir construíndo o que somos.