
O Celta e Hummel presentan a súa nova colección oficial para a tempada 2026/27, formada por un total de 40 pezas que acompañarán ao celtismo nunha campaña histórica, na que o club volverá competir na UEFA Europa League, alén de LALIGA EA SPORTS e LALIGA HYPERMOTION.
Celeste, vermello, branco crema e azul mariño. Unha combinación de cores que protagoniza toda a colección, xa á venda desde este 1 de xullo en tendas oficiais e web. A paleta toma como punto de partida códigos históricos do club e trasládaos a unha colección coherente, reconocible e fiel á identidade do Celta
A primeira camiseta aposta por un deseño limpo, co celeste como gran protagonista. O tecido incorpora un discreto canalé e detalles en branco crema e vermello, integrados tamén nos patrocinadores para manter unha imaxe equilibrada. Na caluga volve aparecer o trisquel, símbolo das raíces do club.
O segundo equipamento mantén a aposta histórica polo azul mariño como alternativa á celeste principal. O deseño recupera unha estética moi reconocible para o celtismo, cunha base sobria e elegante sobre a que destacan os detalles en celeste, branco e vermello. Ademais, incorpora a bandeira de Galicia na caluga, toda unha declaración de intencións no regreso do Celta á UEFA Europa League.
Colección de adestramento e paseo máis identitaria
Como gran novidade esta tempada, o lanzamento dos equipamentos realizarase de xeito conxunto coa colección de paseo e adestramento. En total, 40 pezas deseñadas de forma integral a partir das cores características do club. Con este movemento, o Celta busca diferenciarse desde a identidade e aumentar a consistencia de marca ao redor da súa roupa oficial. Por este motivo, todas as pezas recuperan o escudo do Celta en cor, en lugar dos escudos monocolor utilizados nas últimas tempadas.
O celeste protagoniza a colección de adestramento, combinado con detalles en azul mariño e vermello. Será a liña que vestirán no día a día os nosos xogadores e xogadoras. O staff lucirá unha versión investida, co azul mariño como cor principal e os mesmos detalles cromáticos.
A colección de paseo inspírase nunha imaxe moi reconocible para varias xeracións de celtistas: A Madroa de principios dos 2000. A cor branca crema, as liñas limpas e as siluetas clásicas reinterpretan aquela estética cun deseño nado ao redor do campo, pero máis próximo aos códigos actuais da moda urbana.
Novidades en personalización de pezas
A tempada 2026/27 incorpora tamén novidades na personalización das camisetas. A tipografía Sempre Celta, estreada a pasada campaña na Copa do Rey e na UEFA Europa League, evoluciona cun lixeiro axuste nas súas proporcións para adaptarse mellor ao dorsal. Ademais, os números incorporan as dúas “C” presentes no escudo do club. Como ata o de agora, os afeccionados poderán elixir entre esta tipografía exclusiva ou a oficial de LALIGA.
O regreso a Europa amplía tamén as opcións de personalización. Cada celtista poderá escoller o parche que quere lucir na manga da súa camiseta: UEFA Europa League, LALIGA ou ningún.
Por primeira vez, a roupa de adestramento tamén poderán personalizarse. Os afeccionados poderán configurar a peza con ou sen os patrocinadores principais, segundo as súas preferencias.
Nova tenda en liña
A colección está dispoñible desde hoxe, 1 de xullo, a partir das 10.00 horas, na tenda en liña oficial do club, tenda.celta.gal, e de forma simultánea nas tendas oficiais da Sede e Abanca Balaídos.
Coincidindo co lanzamento, o club estrea unha renovación da súa tenda en liña, cun deseño actualizado, unha navegación máis sinxela e novas funcionalidades para ofrecer unha experiencia de compra máis áxil e intuitiva.
Como é habitual, todos os celtistas desfrutarán dun 10% de desconto en toda a colección, tanto na tenda en liña como nas tendas oficiais do club. Para beneficiarse desta vantaxe será necesario realizar a compra coa mesma dirección de correo electrónico coa que figuran rexistrados como celtistas.