Fredi Álvarez, adestrador do Celta Fortuna, analiza o momento do filial celeste como antesala do derbi deste sábado ante o Pontevedra CF no estadio de O Pasarón.
O técnico pon en valor o camiño percorrido ata o de agora, marcado pola esixencia dun modelo claro, “o proxecto do club é promocionar xogadores en categorías superiores, e iso xa facía prever unha tempada dura”. Nese contexto, destaca o mérito dun filial “atípico pola regularidade que mostramos ao longo do curso”.
Para Fredi os resultados cultivados son “froito de moita xente que traballa na sombra e dun equipo comprometido, que sabe competir e que demostrou en moitos partidos que é capaz de saír de situacións complicadas”.
Sobre o crecemento que está experimentado A Canteira en cada unha das súas categorías, o técnico pon o foco na aceleración de procesos coa cal “aumentamos o cociente de minutos de xogadores en idade xuvenil. Iso fainos gañar en fame de vitoria, con xente nova, con moitas ganas e unha enorme marxe de crecemento”.
A falta de cinco xornadas para o final, o Celta Fortuna encara o tramo decisivo da tempada co obxectivo de “meternos en postos de play-off e soñar con algo bonito”, afirma, sen perder de vista a dificultade do reto. “Ninguén esperaba que puidésemos estar onde estamos agora mesmo, e iso fala moi ben do traballo do equipo”.
Máis aló do terreo de xogo, o filial tamén crece na bancada. Neste sentido, Fredi recoñece que o nacemento do grupo de animación, Semente de Vencer, supuxo un impulso engadido, “estamos encantados. Neste tramo final necesitamos de todos e sabemos que non nos van a fallar. Nós darémolo todo para que se sentan orgullosos do noso escudo”.
Dálle ao PLAY e goza das súas declaracións ao completo!