
O Celta seguirá escribindo a súa historia na elite do fútbol español. O conxunto celeste certificou de forma matemática a súa permanencia en LaLiga EA Sports a falta de catro xornadas e firma así a súa décimo quinta tempada consecutiva en Primeira División, o refacho máis longo do club na máxima categoría. Un fito que se inscribe xa na historia celeste e que reflicte o crecemento sostido dun proxecto que non deixa de avanzar.
A vitoria ante o Elxe CF en Abanca Balaídos axudou a selar un obxectivo que nunca é sinxelo, pero que este curso alcanzouse cunha sensación distinta. Lonxe dos apuros de campañas anteriores, o equipo fixo, e segue facendo, unha tempada valente e ambiciosa, chea de Afouteza e Corazón. Un fútbol que conectou desde o primeiro minuto coa bancada e que permitiu mirar cara arriba durante boa parte do campionato, ocupando, polo momento, unha sexta praza ilusionante.
Máis aló de LaLiga, o curso 25/26 quedará no recordo pola súa dimensión europea. O regreso á competición continental, oito anos despois, non só foi unha ilusión recuperada, senón unha realidade competitiva. O equipo soubo compaxinar a esixencia ligueira e europea, alcanzando os cuartos de final da UEFA Europa League e competindo con personalidade en escenarios de máxima esixencia. Un paso á fronte que fala do carácter deste grupo.
E nese camiño, o papel do celtismo foi, unha vez máis, decisivo. Abanca Balaídos empuxou como nunca e a afección acompañou ao equipo alá onde xogou, tinguindo de celeste cada estadio en España e en Europa. Nos mellores e nos peores momentos, o alento da bancada foi o motor que sostivo ao equipo.
Quince tempadas consecutivas en Primeira División. Unha cifra récord que consolida ao Celta como o club galego con maior presenza na elite e que eleva a 61 as súas participacións na máxima categoría do fútbol español. Un logro colectivo que pertence a xogadores, corpo técnico, club e, por encima de todo, a unha afección que nunca falla, que sempre está aí.
O camiño continúa. E o fai coa certeza de que, xuntos, pecharemos a tempada ao grande.