
Hai cifras que enchen estatísticas e outras que contan unha historia. Os 400 partidos de Iago Aspas en Primeira División coa camisola do Celta pertencen ás segundas. Porque detrás de cada encontro hai moito máis que un número. Hai compromiso, espírito e unha conexión única cun escudo.
Desde aquel debut en 2012 ata hoxe, Aspas foi o reflexo perfecto do que significa ser celeste. Capitán dentro e fóra do campo, líder de xeracións e protagonista dalgunhas das páxinas máis inesquecibles da historia recente. Os seus goles quedarán para sempre na memoria do celtismo, pero tamén a súa maneira de competir, de levantarse e de sentir cada partido como se fose o primeiro.
Alcanzar os 400 partidos na elite cun só club está reservado para moi poucos, pero facelo defendendo a camisola do equipo da túa vida convérteo en algo aínda máis especial. Porque Iago non só fixo, e segue a facer, historia no Celta; tamén conseguiu que varias xeracións medren véndoo como un referente, un exemplo no que mirarse e un símbolo que representa o orgullo de sentir estas cores.
400 veces grazas, Iago.