
Sergio Carreira volveuno facer. O lateral celeste foi elixido pola afección como o Mellor Xogador do Mes de abril, conquistando o seu segundo premio Estrella Galicia da tempada despois do que xa lograra en novembro. O canteirán impúxose na fase final da votación a Ilaix Moriba e Williot Swedberg, nun novo recoñecemento que premia o seu rendemento e, ao mesmo tempo, pon en valor o seu esforzo, compromiso e inconformismo; trazos que comparte coa icónica cervexa de Hijos de Rivera.
O vigués recolleu o galardón coa naturalidade de quen sabe o que significa vestir esta camisola. Recoñece sentirse “moi orgulloso” porque, confesa, sempre viu compañeiros seus lucilo no vestiario e “sintes esa envexa porque está moi chulo o premio”. Un trofeo que, ademais, quixo agradecer ao celtismo por telo votado un mes máis.
Carreira vive un final de curso especialmente doce e, fiel ao seu estilo, reparte méritos co grupo. Asegura atoparse “moi ben” e agradéceollo a uns compañeiros que, di, “me axudan e fanme mellor”. O lateral admite que foi unha tempada de moita carga no físico, pero apela a apertar os dentes no tramo decisivo e a “deixarnos o que queda para rematar polo máis alto se se pode”.
O premio chega nun momento clave do calendario, con tres xornadas aínda por disputar na Liga e o equipo metido na loita por repetir clasificación europea. Un escenario que o canteirán resume nunha frase chea de esperanza: “Quero poñerlle o sobresaliente cumprindo ese último obxectivo que temos a curto prazo”.
E, como non podía ser doutro xeito, para rematar volveu mirar cara á bancada, consciente de que para o celtismo tamén foi unha tempada longa, pero bonita. Por iso pide “ese último alento”, convencido de que sumando a forza de Abanca Balaídos á do vestiario o equipo vai “acabar moi ben”.
Parabéns, Sergio!