
O Celta incorpora a Aleix Febas como a súa primeira fichaxe deste mercado, converténdose así en novo xogador celeste ata xuño de 2029.
O centrocampista catalán chega a Vigo tras completar unha salientable etapa no Elche CF, onde se consolidou como unha das pezas máis importantes do equipo dirixido por Eder Sarabia. O seu rendemento foi clave na recente permanencia do conxunto ilicitano en Primeira División, sendo un futbolista imprescindible no centro do campo grazas á súa capacidade para ordenar o xogo, recuperar balóns e dar equilibrio ao equipo.
Formado na canteira do Real Madrid, Febas continuou crecendo como futbolista en clubs como Zaragoza, Albacete, Mallorca e Málaga antes de aterrar en Elxe na tempada 2023/24. Alí atopou continuidade e mostrou a súa mellor versión, ata ser, actualmente, un dos centrocampistas máis fiables e competitivos de LaLiga.
Aos seus 30 anos, Aleix destaca pola súa intelixencia táctica, a súa precisión no pase e a súa visión de xogo. Un perfil que encaixa perfectamente nos plans de Claudio Giráldez e que reforzará o medular celeste nunha tempada esixente, co regreso do equipo a tres competicións.
Á súa chegada, o xogador reencontrarase con Sergio Carreira, Álvaro Núñez e Borja Iglesias, con quen volverá a compartir vestiario nesta nova etapa como celeste.
O Celta dá a benvida a Aleix Febas e deséxalle moitos éxitos nesta nova aventura.
Benvido, Aleix!