
O Celta Fortuna xa é equipo de Segunda División. O filial celeste fixo historia en Abanca Balaídos tras superar á SD Ponferradina na final do play-off e alcanzar, por primeira vez nos 103 anos de vida do Celta, a categoría de prata do fútbol español.
É un ascenso histórico para o club, para A Madroa e para todo o celtismo. Todo un fito que converte ademais ao Celta no primeiro club galego capaz de levar á súa filial ata o fútbol profesional.
A imaxe final dun Abanca Balaídos cheo, celebrando xunto aos xogadores, resume perfectamente o que significa este éxito. Porque este ascenso pertence a todos. Aos futbolistas que defenderon este escudo sobre o terreo de xogo, ao corpo técnico liderado por Fredi Álvarez, aos profesionais que traballan cada día na Madroa e a unha afección que nunca deixou de crer neste proxecto.
O Celta Fortuna alcanza LaLiga Hypermotion sendo fiel á súa identidade. Apostando polo talento de casa, polos valores que se transmiten na Canteira e por unha forma de crecer baseada na aceleración de procesos e na confianza nos mozos. Moitos dos xogadores que hoxe celebran este ascenso chegaron á Madroa sendo apenas uns nenos. Outros aínda están en idade xuvenil. Todos eles forman parte dunha xeración que demostrou que o talento, o traballo e o sentimento de pertenza poden derrubar calquera porta.
Uns mozos que se gañaron a matrícula de honra para poñer o broche de ouro a unha tempada espectacular que supón un paso enorme para o presente e para o futuro do club. Porque este ascenso confirma que estamos no camiño correcto. Que o talento Feito na Madroa está preparado para competir ao máximo nivel. E que o soño de calquera canteirán celeste ten agora un novo chanzo na casa.
Pero se hai unha imaxe que permanecerá para sempre na memoria de todos é a do celtismo unido enchendo Abanca Balaídos para acompañar a un grupo de mozos a cumprir un soño que hoxe xa forma parte da historia do Celta.