
O club foi recoñecido en Redondela polo seu traballo sostido na incorporación do galego ao fútbol profesional e pola súa contribución á normalización lingüística
O Celta recibiu esta tarde en Redondela o Premio Lois Peña Novo 2026, un recoñecemento que distingue anualmente persoas, entidades e empresas que contribúen á normalización da lingua galega.
O xurado destacou o “traballo sostido desde o ano 2013 na incorporación da lingua galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional, contribuíndo á normalización lingüística e levando o noso idioma a espazos de máxima visibilidade”. Tamén puxo en valor a capacidade do club para achegar o galego ás novas xeracións e para vinculalo á emoción deportiva, ao sentimento de pertenza e á modernidade.
Nesta mesma liña, Rafa Ojea, integrante do xurado, no seu discurso salientou que a aposta do Celta polo galego cobra un valor especial nun contexto no que moitas organizacións optan por diluír os seus sinais de identidade para proxectar unha imaxe máis universal. Ojea destacou tamén que o Celta se converteu nun dos principais emisores de contidos en galego do ámbito deportivo europeo e subliñou que unha das súas maiores achegas foi conseguir que o uso do galego non se perciba como unha obriga, “esa normalidade é, probablemente, unha das maiores contribucións que se poden facer á lingua”.
O conselleiro do Celta, Sergio Álvarez, foi o encargado de recoller o premio en nome do club. Durante a súa intervención, agradeceu o recoñecemento e salientou o significado especial deste galardón para a entidade celeste.
“Para nós é unha verdadeira honra recibir un recoñecemento que pon en valor algo tan noso como o galego. Un premio que nos enche de orgullo, porque sentimos que recoñece un compromiso coa nosa lingua, pero que tamén nos lembra a responsabilidade que temos de seguir coidándoa e promovéndoa”, afirmou.
Sergio Álvarez tamén destacou a importancia de recibir o premio en Redondela, “unha vila que é punto de encontro de diferentes culturas, terra de camiños, onde cada día pasan persoas de todas as partes do mundo buscando chegar a Santiago de Compostela, pero que tamén descobren e levan consigo un anaco de Galicia”.
Na súa intervención, o conselleiro celeste subliñou que o uso do galego forma parte da identidade do Celta e da súa maneira de entender a relación coa sociedade galega. “Cando decidimos integrar o galego de maneira natural na vida do club, decidimos ser coherentes coa nosa identidade”, sinalou.
O Premio Lois Peña Novo recoñece así unha traxectoria na que o galego está presente en múltiples ámbitos da vida do club, desde a comunicación en redes sociais e institucional ata a relación coa afección, pasando por iniciativas culturais e identitarias como o himno Oliveira dos Cen Anos, Feito Na Madroa, Voltarei, ou a edición do primeiro libro de Rio1923 “Un equipo para un país”.
Sergio Álvarez quixo tamén lembrar a responsabilidade colectiva na defensa e promoción da lingua, especialmente nun momento no que o seu uso sofre un retroceso social, en particular entre as xeracións máis novas.
“Ás veces podemos caer na idea de que o galego sempre vai estar, que non corre perigo. E a realidade é que non podemos dar nada por feito. O galego precisa de nós. Precisa que o usemos, que o falemos con naturalidade, que estea presente na nosa vida diaria”, afirmou.
O conselleiro do Celta estableceu ademais un paralelismo entre a lingua e a canteira, dous elementos esenciais na identidade do club: “No fútbol sempre falamos de canteira, de coidar dos nosos. Pois coa lingua pasa algo parecido. Se non a coidamos nós, non o vai facer ninguén”.
Para o Celta, este recoñecemento supón unha honra e un impulso para continuar traballando na promoción e visibilización do galego, un dos sinais fundamentais da entidade e da súa conexión coa sociedade galega.
“Ogallá dentro duns anos non teñamos que falar de protexer o galego, senón simplemente de vivilo, de compartilo e de gozalo. Ese sería un verdadeiro triunfo”, concluíu Sergio Álvarez, antes de compartir o premio “con toda a familia celtista e con todas as persoas que levan anos traballando para que a lingua siga viva”.
Nesta edición dos Premios Lois Peña Novo tamén foron distinguidos a profesora, investigadora e escritora Aurora Marco, polo seu labor de recuperación da memoria histórica e cultural de Galicia, e Xosé Manuel Beiras, en recoñecemento á súa extensa traxectoria intelectual, docente e de compromiso coa dignificación de Galicia e da lingua galega.