A Cidade Deportiva Afouteza acolleu esta mañá a rolda de prensa de renovación de Fredi Álvarez como adestrador da Celta Fortuna, na que ademas do técnico, tamén estiveron presentes Marián Mouriño e Marco Garcés.
A comparecencia comezou coas palabras da presidenta do club, quen quixo poñer en valor o traballo realizado por Fredi desde a súa volta ao banco do filial, lembrando que “tiña o listón moi alto, pero con valentía foi capaz de sacar adiante o proxecto e, ano e medio despois, darnos este ascenso”. Un fito histórico que destaca “non é só desta tempada, vén de moito tempo traballando” e que é de Fredi, pero tamén de todos os xogadores, dos capitáns e tamén de toda a xente da Madroa.
Marco Garcés tamén se sumou ás palabras da presidenta, subliñando que “me fai moi feliz que Fredi siga con este reto”. O director de fútbol explicou que podería destacar moitos aspectos da tempada, pero quedou cun por encima de todos, o triunfo, porque “o principal é que gañou. E a vitoria require de poucas explicacións máis aló de destacar a forma na que o fixo, xuntando a grupos moi distintos, tendo paciencia e, ao final, como digo, gañar”.
Para rematar, antes da quenda de preguntas, Fredi Álvarez tomou a palabra moi emocionado para agradecer a confianza que o club depositou nel durante todo este tempo. “Estou extremadamente agradecido. Estes dous últimos anos foron moi esixentes, pero sempre confiaron en min… Hai 16 meses o equipo estaba en descenso e agora acabamos de lograr subir a Segunda… Estou feliz polo club, polos xogadores e pola afección. Agora toca desfrutar do camiño e desta nova experiencia”.
Estas son só algunhas das reflexións que deixou unha rolda de prensa moi especial, marcada pola emoción e o recoñecemento á canteira celeste e ao traballo realizado durante os últimos meses. Dálle ao play e escoita ao completo todas as declaracións dos protagonistas.