
O primeiro equipo do Celta realizará unha parte da pretemporada 26/27 en Italia. Do mércores 5 ao domingo 9 de agosto, o conxunto dirixido por Claudio Giráldez levará a cabo un stage de preparación en Sassuolo, nunhas instalacións de primeiro nivel que ofrecerán ao equipo a contorna idónea para seguir avanzando na súa posta a punto.
Serán catro días de intenso traballo nos que o plantel continuará afianzando os conceptos técnicos e tácticos, alén de reforzar a convivencia e a unión do grupo nun momento clave para sentar as bases dunha tempada esixente e ilusionante, na que o Celta volverá competir na UEFA Europa League.
Durante a súa estancia en Italia, o conxunto celeste disputará dous encontros de gran esixencia que supoñerán unha excelente proba para medir a evolución do equipo. O primeiro será o mércores 5 de agosto, ás 20.00 horas, ante o US Sassuolo no Ricci Stadium, un histórico do fútbol italiano que afronta unha nova tempada na Serie A. O segundo chegará o sábado 8 de agosto, ás 21.00 horas, fronte ao SSC Napoli no Teofilo Patini Stadium de Castel di Sangro, un rival de referencia no fútbol europeo que volverá poñer a proba o crecemento do equipo. Unha vez finalizados os seus compromisos estivais en terras transalpinas, o equipo volverá a Vigo o domingo pola mañá.
Esta concentración en Italia constituirá o segundo tramo da preparación estival antes do inicio dunha nova campaña, cuxo comezo está previsto para mediados de agosto. De este modo, o Celta continúa dando forma a unha pretemporada deseñada para chegar nas mellores condicións ao arranque oficial do curso. Ata o momento, estes son os encontros confirmados:
· Sporting de Braga – Celta (Estadio Municipal de Braga) 18 de xullo ás 20:30h. (hora española)
· Celta – Sporting de Gijón (Estadio A Lomba, Vilagarcía de Arousa) 25 de xullo ás 19:00h.
· Celta – Académico de Viseu (Cidade Deportiva Afouteza) 29 de xullo ás 11:00h.