
Celtamotor e o Celta rematan unha etapa de colaboración que, durante as últimas nove tempadas, estivo marcada polo compromiso, a confianza e o apoio constante entre as dúas partes. Desde o inicio desta vinculación, Celtamotor acompañou ao Celta nalgúns dos momentos máis importantes da súa historia recente, reafirmando ano tras ano a súa aposta polo deporte e por uns valores compartidos como o esforzo, o vínculo coa nosa terra e o traballo en equipo.
Ao longo destes nove anos, esta colaboración foi máis alá do patrocinio, dando lugar a numerosas iniciativas e accións conxuntas que fortaleceron as relacións e permitiron a Celtamotor formar parte do día a día do celtismo. Co remate desta etapa, o Celta quere expresar o seu máis sincero agradecemento a Celtamotor e a todo o seu persoal pola confianza depositada no club durante todo este tempo.
Tras nove tempadas camiñando xuntos, agora xurdirán novos retos por separado, co orgullo de ter construído unha relación sólida e co desexo de que o futuro continúe deparando grandes éxitos para as dúas entidades.