ACCION-BRANDING-RIO1923-CELTA-V1_page-0009
O Club

RIO1923 converterá cada partido do Celta na casa nunha obra de arte para celebrar a creatividade galega

RC Celta

O club presenta unha nova iniciativa para a tempada 2026/27 que unirá fútbol, ilustración e cultura, dando voz a diferentes artistas galegos

O Celta, a través do seu proxecto RIO1923, dá un paso máis no seu compromiso coa cultura galega co lanzamento dun novo proxecto creativo para a tempada 2026/27. Da man de Chachachá Studio, o club transformará cada partido de liga que se dispute no ABANCA Balaídos nunha oportunidade para celebrar o talento artístico de Galicia a través dunha colección inédita de ilustracións.

A partir desta tempada, cada encontro de liga disputado en Vigo contará cun cartel oficial creado expresamente por un artista galego. Cada obra interpretará o enfrontamento entre o Celta e o seu rival desde unha mirada persoal, convertendo a previa de cada partido nun espazo onde o deporte e a creación artística dialogan para ofrecer unha nova forma de contar o fútbol.

Lonxe de procurar unha estética única, o proxecto nace precisamente para poñer en valor a diversidade creativa do panorama artístico galego. Ao longo da tempada participarán ilustradores e creadores galegos con linguaxes moi diferentes: desde o grafiti ou a arte urbana ata a ilustración contemporánea, o deseño gráfico, a colaxe, a pintura ou as propostas máis conceptuais. Cada cartel será unha peza única, reflexo da identidade do seu autor e da riqueza cultural de Galicia.

Con esta iniciativa, o Celta reafirma a súa vontade de ser moito máis ca un club de fútbol. O proxecto procura xerar un espazo de encontro entre deporte e cultura, impulsar o traballo de artistas galegos e achegar a súa obra a unha comunidade que transcende o terreo de xogo.

Este proxecto nace coa vocación de crear un legado que perdure máis aló dos resultados deportivos: unha colección de obras orixinais que represente o talento creativo galego e reforce o vínculo entre o Celta, a súa identidade e a cultura do país.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas