GB0A5038
O Club

Grupo Breogán incorpórase ao Celta como novo patrocinador oficial coas marcas Toyota e Lexus

RC Celta

O Celta e Grupo Breogán acadaron un acordo de colaboración polo que o principal grupo de automoción de Galicia convértese en novo patrocinador oficial do club a través das súas marcas Toyota e Lexus ata 2028. Esta alianza une dous referentes galegos que comparten unha mesma visión baseada no compromiso co territorio.

O acordo permitirá a Toyota e Lexus gozar dunha destacada presenza de marca en diferentes soportes do estadio ABANCA Balaídos, da Cidade Deportiva Afouteza e das canles oficiais do club, ademais de desenvolver accións e experiencias dirixidas á afección celeste ao longo da tempada.

A colaboración reforza o vínculo entre as dúas entidades e pon de manifesto a aposta de Grupo Breogán polo deporte como vehículo para impulsar valores como o esforzo, o traballo en equipo e a superación, piares que tamén definen a identidade do Celta.

“Este acordo co Celta é un proxecto que nos ilusiona especialmente. Para Grupo Breogán, o deporte é sempre unha vía para achegarnos máis á nosa comunidade, e o Celta representa como poucos ese sentimento de Galicia que levamos dentro e uns valores cos que nos sentimos plenamente identificados. Ademais, esta alianza reforza o vínculo que como grupo sentimos con Vigo e coa súa afección. A través das marcas que representamos, Toyota e Lexus, queremos camiñar xunto ao club nunha etapa apaixonante, contribuíndo a seguir construíndo un proxecto fiable, sostible e ambicioso”, sinala José Ramón Ferreiro, presidente de Grupo Breogán, quen acudiu á sinatura acompañado por Pablo Conde, xerente de Toyota e Lexus Breogán.

Pola súa banda, Marián Mouriño, presidenta do Celta, sinala que “é unha gran satisfacción incorporar Grupo Breogán, xunto con Toyota e Lexus, á familia de patrocinadores do club. Trátase dun grupo empresarial de referencia en Galicia, cuxa traxectoria, prestixio e aposta pola calidade e o arraigamento á nosa comunidade encaixan plenamente coa visión de crecemento que perseguimos. Estamos convencidos de que esta alianza xerará un gran valor para as dúas partes”.

Con este acordo, o Celta continúa fortalecendo a súa rede de patrocinadores da man de empresas líderes que apostan polo crecemento do club e comparten o seu compromiso con Galicia, co seu tecido empresarial e coa súa afección.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas