alavro
Celta Fortuna

A pretemporada do Celta Fortuna tamén sabe a remontada

RC Celta

Parece que en Barreiro hai costumes que non cambian. Tamén en pretemporada. O Celta Fortuna asinou o seu primeiro triunfo do verán (3-2) ao remontar un 0-2 fronte ao SCU Torreense, un rival de nivel que en tan só uns días disputará a final da Supercopa de Portugal ante o FC Porto.

Fredi Álvarez ten por diante o reto de chegar nas mellores condicións posibles ao comezo dunha tempada que será histórica e, aos poucos, o equipo e as ideas comezan a carburar. Nun grupo con ampla presenza de caras xuvenís, o equipo volveu ofrecer unha imaxe competitiva de principio a fin, sostendo o pulso ante un rival moito máis rodado e preparado para o inicio da súa competición oficial.

O Torreense aproveitou o seu dominio inicial para situarse cunha vantaxe de dous goles antes do primeiro cuarto de hora pero o Celta Fortuna mantivo a concentración e, a pesar dos diferentes cambios e probas habituais a estas alturas de pretemporada, atopou premio no tramo final. Despois de numerosos intentos de practicamente toda a liña ofensiva, Álvaro Marín recortou distancias, igualou o encontro desde o punto de penalti e completou a remontada sobre a bucina, un hat-trick co que suma xa 4 goles esta pretemporada e mantén viva a esencia das remontadas habituais en Barreiro.

A estas alturas, o de menos é o resultado pero as bancadas do campo municipal volveron vibrar, a encherse de vida e de celtismo para acompañar ao Fortuna na preparación dunha tempada para o recordo. Un encontro que deixou sinais moi positivas para un equipo que continúa crecendo e que en tan só 3 días disputará un novo amigable ante o FC Vizela o sábado, 1 de agosto ás 18:00h., en terras portuguesas.

FICHA TÉNICA:

3 – Celta Fortuna: Caio Barone; Noah Rodríguez, Seyni Ndiaye, Jaime Pérez, Pablo Gavián; David Sueiro, Mateo Sobral, Diego; Ángel Davila, Iago Barreiros e Bernard Somuah. Tamén xogaron: Marcos González; Pedro Ildefonso, Pablo Meixús, Quique Ribes, Raúl, Germain Milla, Capde, Hugo López, Jan Oliveras, Kibet, Jorge Pérez, Álvaro Marín e Cristian Carro.

2 – SCU Torreense: Arthur Nascimiento; Daniel Ramos, Marcus Vinicius, Enri Artur, David Morgado; Gustavo Rijo,André Vakulyuk, Marco Silva, Joao Chagas; Bryan Ngoua e Ricardo Santos. Tamén xogaron: Carvalho, Cheikhou Diallo, Henrique Cruz, Tomás Mendes, Christ, Zoabi, Penisga, Esteves, Medeiro, Dylan, Paulo Daniel, Komesse e Kenen Torres.

Goles: 0-1 (Min. 7) Ricardo Santos. 0-2 (Min. 15) Bryan Ngoua. 1-2 (Min. 76) Álvaro Marín. 2-2 (Min. 83) Álvaro Marín de penalti. 3-2 (Min. 90) Álvaro Marín.

Árbitro: José Figueirido.

Incidencias: Tercer amigable da pretemporada 26/27 do Celta Fortuna disputado no Campo Municipal de Barreiro ante 627 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Celta b Celta Fortuna

Noticias recomendadas