OVGxCELTA horizontal
O Club

O Celta alíase con OVG para transformar a súa oferta gastronómica e de hospitality

RC Celta

O Celta e Oak View Group (OVG), compañía estadounidense líder a nivel mundial no desenvolvemento e xestión de recintos deportivos, culturais e de entretemento, alcanzaron un acordo estratéxico para impulsar a transformación da oferta de restauración e hospitality de ABANCA Balaídos.

A colaboración supón a chegada de OVG Hospitality a España, sendo o Celta o seu primeiro proxecto no noso país. O acordo permitirá desenvolver unha nova proposta gastronómica no estadio, concibida para enriquecer a experiencia de afeccionados, empresas e visitantes, aliñándose co proceso de modernización que está a vivir o noso estadio.

Cunha ampla traxectoria internacional, OVG Hospitality xestiona os servizos de restauración nalgúns dos principais recintos deportivos e de entretemento do mundo, apostando por unha combinación de excelencia operativa, identidade local, sustentabilidade e innovación. A súa experiencia inclúe proxectos de referencia como o Allegiant Stadium de Las Vegas, o Etihad Campus do Manchester City, o Southampton FC e o recinto Co-op Live.

Esta alianza permitirá ao Celta avanzar no seu obxectivo de converter ABANCA Balaídos nun estadio cada vez máis aberto, moderno e preparado para ofrecer experiencias diferenciais durante os días de partido e tamén no resto de eventos que acolla o recinto.

“Estamos especialmente orgullosos de iniciar a actividade de OVG Hospitality xunto ao Celta. Este proxecto reflicte a nosa aposta por España e por un modelo de hospitalidade que combina excelencia, sustentabilidade e unha estreita colaboración co tecido local”, explica Toni Ortega, vicepresidente de OVG para o sur de Europa. Pola súa banda, Amy Latimer, presidenta de Operacións de OVG, sinala que “un recinto de primeiro nivel como ABANCA Balaídos pode ser transformador para Vigo e para a rexión no seu conxunto. Unha proposta gastronómica de calidade contribuirá a impulsar o turismo, xerar novas oportunidades para as empresas locais e crear un impacto económico positivo e sostible a longo prazo”.

A presidenta do Celta, Marián Mouriño, tamén manifestou o seu optimismo: “Aliarnos cunha compañía como OVG significa moito para nós e axúdanos a satisfacer as demandas do fútbol actual a nivel de infraestruturas. Traballamos para que as nosas instalacións se interpreten como un activo que nos permita seguir medrando como club e nos achegue estabilidade a longo prazo”.

Infraestruturas de referencia para un proxecto de futuro

Con este acordo, o Celta continúa incorporando socios de referencia internacional para seguir elevando o estándar das súas infraestruturas e servizos, consolidando ABANCA Balaídos como un espazo de encontro que transcende o fútbol e contribúe ao desenvolvemento da cidade de Vigo. Ademais, tamén se contempla a expansión do acordo con OVG cara ao ecosistema Celta360 que o club está a proxectar na actualidade como a Factoría do Deporte Galego, macroproxecto estratéxico do Celta que transforma a actual cidade deportiva nun centro global de innovación, saúde, educación e alto rendemento deportivo.

20250331_RCCELTAvsLASPALMAS_Diego_estadio_abanca_balaidos, aficion_157 (1)

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas