20251214_CELTAvsBILBAO_XOAN-estadio_abanca_balaidos_3
Celtismo

Comeza a venda de entradas e o troco de invitacións para o histórico Celta Fortuna-Andorra en Abanca Balaídos

RC Celta

O Celta Fortuna afronta unha tempada para a historia. Tras lograr un histórico ascenso a Segunda División, o filial celeste disputará un dos encontros máis especiais da súa traxectoria o vindeiro luns 24 de agosto ás 19:00 horas, cando reciba o FC Andorra en Abanca Balaídos.

Para unha cita tan sinalada, o club fai un chamamento á afección para que acompañe o equipo neste ilusionante comezo de campionato e converta o estadio nunha auténtica festa do celtismo.

Acceso ao partido: Suplemento ou troco de entrada nominativa numerada

Co obxectivo de garantir as esixencias da competición en canto a aforo, para aqueles celtistas que non obtivesen o Suplemento Celta Fortuna, será imprescindible dispoñer dunha entrada nominativa para acceder ao encontro.

Os carnés do Celta en calquera das súas modalidades (Abonado, As Celtas, Fundación ou Miudiño) non serán válidos por si sós para acceder ao estadio. Unicamente poderán acceder directamente co seu carné aqueles afeccionados que dispoñan do Suplemento Celta Fortuna «Feito na Madroa».

Para este encontro estarán habilitadas as bancadas de Tribuna Alta, Tribuna Baixa e Marcador Baixo, cunha dispoñibilidade equivalente ao 50 % do aforo para o troco de invitacións.

Prioridade para os carnés celtistas

Os titulares dun Carné Celtista da tempada 2026/27 poderán obter unha entrada gratuíta, suxeita á dispoñibilidade, durante un período exclusivo de prioridade de 48 horas.

Para realizar o troco será necesario identificarse con:

  • ID de socio (impreso no carné).
  • PIN correspondente (os catro últimos díxitos do DNI. No caso dos menores de idade, poderá ser 1111).

Como trocar a túa entrada?

  1. Accede ao portal de entradas

Realiza o proceso a través da ligazón habilitada ou desde o portal oficial de venda de entradas do club (non desde o Portal Celtista) durante as primeiras 48 horas de prioridade.

  1. Selecciona a túa localidade

Escolle a bancada e o asento que prefiras entre as localidades dispoñibles.

  1. Vincula os carnés

Fai clic na opción «Tes algunha promoción?» e introduce:

  • ID de socio
  • PIN

Unha vez validados os datos, poderás asociar os carnés ás localidades seleccionadas.

Poderanse xestionar ata seis entradas nunha mesma operación, introducindo un ID e PIN diferentes para cada asento.

  1. Completa os datos dos asistentes

Todas as entradas son nominativas, polo que será obrigatorio completar os datos persoais correspondentes a cada entrada antes de finalizar o proceso.

  1. Recibe as túas entradas

As entradas serán enviadas ao correo electrónico indicado durante a reserva.

  1. Accede ao estadio

O día do partido poderás acceder mostrando a entrada dixital recibida por correo electrónico. O club recomenda acudir con suficiente antelación para axilizar o acceso.

Recomendacións para o día de partido

Os afeccionados deberán ocupar a localidade que seleccionasen durante o proceso de troco.

Ademais, as portas de Abanca Balaídos abrirán unha hora e quince minutos antes do inicio do encontro co obxectivo de facilitar unha entrada gradual e evitar aglomeracións.

O Celta solicita tamén un uso responsable das entradas gratuítas e lembra que estas deben ser trocadas unicamente cando exista unha intención real de asistir ao partido.

O club resérvase o dereito de denegar o acceso e adoptar as medidas oportunas para os seguintes trocos naqueles casos nos que se detecte un uso inadecuado ou a non asistencia ás localidades asignadas como invitación.

Venda de entradas desde 15 euros

Unha vez finalizado o período preferente para os Carnés Celtistas, dende o xoves 20 de agosto as 16:30h. calquera afeccionado poderá adquirir entradas para o encontro desde 15 euros, ata completar o aforo.

Ampliado o prazo para conseguir o Suplemento Celta Fortuna

Ante a elevada demanda rexistrada, o club decidiu ampliar ata o venres 21 de agosto a posibilidade de adquirir o Suplemento Celta Fortuna.

Todos os titulares dun Carné Celtista, con ou sen abono, poderán incorporalo por 63 euros (equivalente a 3 euros por partido).

Este suplemento permitirá acceder a todos os encontros do Celta Fortuna como local sen necesidade de realizar trocos previos para cada partido, xa que inclúe un carné específico para a competición, o Carné Feito na Madroa.

Un chamamento á afección para unha tempada histórica

O Celta Fortuna inicia agora un dos desafíos máis apaixonantes da súa historia recente. Tras o ascenso a Segunda División, o equipo afronta unha campaña chea de retos, ilusión e oportunidades de crecemento.

Por iso, o club quere facer un chamamento ao celtismo para que acompañe o filial desde o primeiro día e forme parte dunha tempada que xa quedou gravada na historia do club.

Porque a historia tamén se escribe desde a bancada.

Vémonos o vindeiro luns, afección!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas