16-9 (1)
Primeiro Equipo

O Celta aposta por Couhaib Driouech para reforzar o seu ataque

RC Celta

O Celta e o PSV Eindhoven alcanzaron un acordo para o traspaso de Couhaib Driouech, que asina por catro tempadas e incorpórase ao conxunto celeste ata xuño de 2030. O atacante marroquí afrontará en Vigo a súa primeira experiencia fóra dos Países Baixos despois de desenvolver toda a súa traxectoria profesional na Eredivisie.

Aos seus 24 anos, Driouech é un extremo destro que se desenvolve principalmente na banda esquerda, aínda que tamén pode actuar polo costado dereito. O seu perfil achega velocidade, desborde e capacidade para xerar vantaxes no último terzo, destacando especialmente no un contra un, nos cambios de ritmo e na súa capacidade para atacar os espazos ás costas da defensa. As súas características encaixan á perfección no esquema de Claudio Giráldez, polo que a súa incorporación achegará profundidade, desequilibrio e novas alternativas ao ataque celeste.

O xogador chega a Vigo avalado polo seu rendemento no PSV Eindhoven. A pasada tempada disputou 40 partidos, nos que marcou nove goles e repartiu un total de oito asistencias. Driouech conta ademais con experiencia na máxima competición continental. Participou en 12 partidos de Champions League, sumando catro goles e dúas asistencias. Entre as súas actuacións destaca o encontro ante o Liverpool a pasada campaña, no que anotou un dobrete e foi elixido MVP.

Nado en Haarlem, o atacante comezou a súa carreira no Excelsior Róterdan e posteriormente pasou polo SC Heerenveen antes de incorporarse ao PSV. Internacional sub-23 con Marrocos, afronta agora un novo capítulo na súa traxectoria deportiva ás ordes de Claudio Giráldez.

Coa chegada de Driouech, o Celta incorpora a un futbolista novo, con experiencia ao máis alto nivel e un perfil con marxe para seguir crecendo para unha tempada que volverá ser ilusionante.

Benvido, Driouech!

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Siguiente noticia

Noticias recomendadas