
Tras lograr unha histórica remontada contra o Andorra no primeiro partido que o filial celeste disputou na súa estrea como local en Segunda División, o Celta Fortuna quere seguir contando coa afección no próximo encontro contra o CD Castellón, o vindeiro luns 31 de agosto ás 21:30 h.
Acceso ao partido: Suplemento ou troco de entrada nominativa numerada
Co obxectivo de garantir as esixencias da competición en canto a aforo, para aqueles celtistas que non obtivesen o Suplemento do Celta Fortuna, será imprescindible dispoñer dunha entrada nominativa para acceder ao encontro.
Os carnés do Celta en calquera das súas modalidades (Abonado, As Celtas, Fundación ou Miudiño) non serán válidos por si sós para acceder ao estadio. Unicamente poderán acceder directamente co seu carné aqueles afeccionados que dispoñan do Suplemento Celta Fortuna «Feito na Madroa».
Para este encontro estarán habilitadas as bancadas de Tribuna Alta, Rio Baixo e Marcador Baixo, cunha dispoñibilidade equivalente a un mínimo do 50 % do aforo para o troco de invitacións.
Prioridade para os carnés celtistas
Os titulares dun Carné Celtista da tempada 2026/27 poderán obter unha entrada gratuíta online, suxeita a dispoñibilidade, durante un período exclusivo de prioridade de 48 horas. No caso de non se esgotaren durante este período, o troco poderá realizarse unicamente ata o luns 31 ás 14:00 h.
Para realizar o troco será necesario identificarse con:
- ID de socio (impreso no carné).
- PIN correspondente (os catro últimos díxitos do DNI. No caso dos menores de idade, poderá ser 1111).
Como trocar a túa entrada?
- Accede ao portal de entradas
Realiza o proceso a través da ligazón habilitada ou desde o portal oficial de venda de entradas do club (non desde o Portal Celtista) durante as primeiras 48 horas de prioridade.
- Selecciona a túa localidade
Escolle a bancada e o asento que prefiras entre as localidades dispoñibles.
- Vincula os carnés
Fai clic na opción «Tes algunha promoción?» e introduce:
- ID de socio
- PIN
Unha vez validados os datos, poderás asociar os carnés ás localidades seleccionadas.
Poderanse xestionar ata seis entradas nunha mesma operación, introducindo un ID e PIN diferentes para cada asento.
- Completa os datos dos asistentes
Todas as entradas son nominativas, polo que será obrigatorio completar os datos persoais correspondentes a cada entrada antes de finalizar o proceso.
- Recibe as túas entradas
As entradas serán enviadas ao correo electrónico indicado durante a reserva.
- Accede ao estadio
O día do partido poderás acceder mostrando a entrada dixital recibida por correo electrónico (recomendámosche que a descargues con antelación ou que a leves impresa). O club recomenda acudir con suficiente antelación para axilizar o acceso, sobre todo nas zonas de Marcador Baixo e Rio Baixo, onde só se habilitan entradas.
Recomendacións para o día de partido
Os afeccionados deberán ocupar a localidade que seleccionasen durante o proceso de troco.
Ademais, as portas de Abanca Balaídos abrirán unha hora e quince minutos antes do inicio do encontro co obxectivo de facilitar unha entrada gradual e evitar aglomeracións.
O Celta solicita así mesmo un uso responsable das entradas gratuítas, lembrando que estas deben ser trocadas unicamente cando exista a intención real de asistir ao partido.
O club resérvase o dereito de denegar o acceso e adoptar as medidas oportunas para os seguintes trocos naqueles casos nos que se detecte un uso inadecuado ou a non asistencia ás localidades asignadas como invitación.
Venda de entradas desde 15 euros
Unha vez finalizado o período preferente para os Carnés Celtistas, desde o venres 28 de agosto ás 12:30 h, calquera afeccionado poderá adquirir entradas para o encontro desde 15 euros, ata completar o aforo.
Ampliado o prazo para conseguir o Suplemento Celta Fortuna
Ante a elevada demanda rexistrada despois do primeiro partido na casa, xa son máis de 1.700 celtistas os que adquiriron o suplemento, polo que o club decidiu novamente ampliar ata o venres 28 de agosto a posibilidade de adquirir o Suplemento Celta Fortuna nas billeteiras de Abanca Balaídos.
Todos os titulares dun Carné Celtista, con ou sen abono, poderán incorporalo por 63 euros (equivalente a 3 euros por partido).
Este suplemento permitirá acceder a todos os encontros do Celta Fortuna (en Tribuna Alta) como local sen necesidade de realizar trocos previos para cada partido, xa que inclúe un carné específico para a competición: o Carné Feito na Madroa.
Vémonos o vindeiro luns, afección!