16-9 HORARIOS (1)
Celtismo

Así será a previa do Celta – Racing deste sábado

RC Celta

Abanca Balaídos acollerá este sábado, 19 de setembro, ás 18:30 h., o encontro entre o Celta e o Racing de Santander. A xornada comezará cunha Xuntanza nas horas previas, que contará con diferentes actividades e concertos para animar o ambiente antes do inicio do partido, o último antes do parón.

A cita, que quedara pendente a finais da pasada tempada, servirá para dar a benvida ao novo curso, marcado pola ilusión de afrontar por segundo ano consecutivo a UEFA Europa League.

Nesta imaxe pódese consultar todo o que ofrecerá unha xornada pensada para gozar, compartir e celebrar xuntos o celtismo.

Ademais destes horarios e para todos os afeccionados que acudades ao estadio para apoiar o equipo, facilitamos a continuación máis información que pode ser do voso interese:

Apertura de portas:

As portas do estadio abrirán ás 17:15 h. Para evitar aglomeracións e posibles atrasos nos accesos, recoméndase a todos os asistentes acceder ao estadio polo menos 30 minutos antes do comezo do encontro.

Os carnés incorporan chip de proximidade para facilitar a súa lectura, ademais do sistema NFC dispoñible na App. O acceso ao estadio estará habilitado ata as 20:00 h.

Documentos de acceso:

Todos os asistentes deberán ter un documento de acceso para entrar no estadio, mesmo os máis pequenos, independentemente da súa idade. Estes documentos poderán ser:

  • Carné de abonado, en calquera das súas categorías. En caso de non dispoñer do abono físico, poderase acceder co carné dixital da tempada 2026/27, que se pode descargar desde o Portal do Celtista ou a App.
  • Entrada do partido
  • Carné Miudiño

Lémbrase que os carnés de abonado son intransferibles nas súas distintas categorías e, polo tanto, só poderán ser utilizados polo seu titular, coa excepción do Carné celtista abonado en categoría Adulto, que é transferible agás na bancada de Marcador Baixo.

Poderase solicitar un documento acreditativo da persoa con carné intransferible para poder acceder, denegando o acceso no caso de que non coincida co titular.

Atención de incidencias:

O club pon á disposición de todos os espectadores un servizo de incidencias con entradas ou carnés que estará habilitado nas billeteiras do estadio, desde a apertura de portas e ata o comezo do partido. Non obstante, lémbrase a todos os abonados que desde o Portal do Celtista ou desde a App poden descargar o abono dixital.

Non se farán duplicados de carnés a partir das 14:00 h.

Apertura de billeteiras:

As billeteiras estarán abertas desde as 10:00 h. e ata o comezo do encontro. Non obstante, para maior comodidade, recoméndase consultar a dispoñibilidade e mercar as entradas na web do Celta.

Apertura da tenda oficial do estadio:

A tenda oficial do estadio abrirá este sábado de 10:30 h. a 22:00 h. de maneira ininterrompida.

Tour Xuntanza:

Ademais da Xuntanza, que terá lugar nas inmediacións do estadio, o Tour Especial Xuntanza permitirá percorrer algúns dos espazos máis emblemáticos do interior do templo celeste, como a sala de prensa, o túnel de vestiarios, os bancos ou o Museo Celta.

Unha visita libre, dinámica e flexible, co acompañamento do equipo de guías e unha experiencia inmersiva para vivir Balaídos e o celtismo ao teu ritmo. Podes conseguir aquí as entradas.

Museo Celta:

O Museo Celta abrirá as súas portas en horario de 10:00 h. a 18:00 h., ofrecendo aos visitantes a oportunidade de coñecer a historia e o patrimonio do club a través das súas exposicións e contidos interactivos. Podes adquirir a túa entrada desde a páxina web ou na recepción da Área Celtista.

Servizo de consigna para carriños de bebé:

Para que os celtistas máis pequenos poidan acompañar os seus pais, nais, avós ou avoas a animar o seu equipo, o Celta pon á disposición dos afeccionados un servizo gratuíto de consigna para deixar os carriños de bebé mentres están no interior do estadio.

Este servizo estará habilitado na bancada de Tribuna, ao lado do local da Federación de Peñas, entre as portas 10 e 11 de Tribuna, desde a apertura das portas de Abanca Balaídos e ata 15 minutos despois da finalización do encontro.

Unha Xuntanza máis sostible:

Durante a xornada tamén continuará a iniciativa para facilitar a recollida das cascas de pipas en Balaídos. Repartiranse bolsas nas bancadas para que poidan depositarse despois nos colectores habilitados nas portas de saída do estadio. As cascas recollidas serán xestionadas para a súa transformación en abono destinado aos montes galegos, contribuíndo así á súa rexeneración.

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas