20241213_Viaje_SEVILLAvsRCCELTA_CidadeDeportivaAfouteza-4
O Club

O Celta traballa nunha rolda de financiamento para o desenvolvemento de Celta360

RC Celta

A operación, aínda suxeita á aprobación da Xunta Xeral de Accionistas, contempla unha primeira ampliación do capital social da SAD duns 10 millóns de euros con dereito de subscrición preferente a favor dos accionistas actuais

A estrutura busca conter o custo financeiro, limitar o endebedamento e preservar a sustentabilidade económica do proxecto e do Celta, mantendo o actual control accionarial

O Consello de Administración do Celta proporá á próxima Xunta Xeral de Accionistas unha primeira ampliación de capital destinada a contribuír ao financiamento de Celta360. A operación global combina distintas fórmulas de financiamento e achega de capital para avanzar nun dos proxectos máis estratéxicos da entidade celeste.

Dentro desta estrutura contempla-se unha primeira ampliación do capital social do Celta de aproximadamente 10 millóns de euros mediante a emisión de novas accións con dereito de subscrición preferente, cuxa proposta será sometida á aprobación da próxima Xunta Xeral de Accionistas. A operación contempla a posible incorporación dun novo accionista minoritario unicamente no suposto de que os accionistas actuais non exerzan o seu dereito de subscrición e non subscriban a totalidade da ampliación tras o devandito período preferente, manténdose en todo caso o actual control accionarial do Celta.

Os accionistas do club contarán con todos os dereitos que legalmente lles correspondan no marco da ampliación de capital, incluído de forma prioritaria o dereito de subscrición preferente, reforzando así a protección da súa posición actual na entidade e sen que o mesmo sexa obxecto de exclusión.

Esta rolda de financiamento ten como obxectivo dotar Celta360 dos recursos necesarios para continuar co seu desenvolvemento, ao tempo que permite conter o custo financeiro, limitar o endebedamento e garantir a sustentabilidade económica do proxecto. Para iso, o club prevé diversificar os instrumentos de financiamento e as achegas de capital, preservando a estabilidade da entidade e a súa capacidade de investimento.

Xunto co mencionado aumento do capital social da entidade, no que se prevé un investimento de aproximadamente 10 millóns de euros, someterase igualmente á aprobación da Xunta Xeral unha posible delegación ao Consello de Administración da facultade de acordar, no caso de resultar necesario no contexto da rolda, novas ampliacións de capital con dereito de subscrición preferente durante os seguintes tres anos, sen que en ningún caso poida incrementarse o capital social da SAD por riba dos límites legalmente previstos para estes efectos.

Financiamento para o desenvolvemento a longo prazoO proxecto Celta360 atópase actualmente na súa segunda fase de construción, coa previsión de que os novos edificios do complexo entren en funcionamento a finais do verán de 2027. O financiamento permitirá avanzar no desenvolvemento dunha infraestrutura concibida para converterse nun referente deportivo e de actividade empresarial en Galicia e o norte de Portugal.

Celta360 é un dos proxectos máis estratéxicos do club e combina o desenvolvemento deportivo coa xeración de novas oportunidades de negocio. O seu obxectivo é ampliar as bases de crecemento do Celta, fortalecer a súa política de canteira e contribuír á súa solidez económica a longo prazo.

Capital e socios con vocación de permanenciaA ampliación de capital constitúe un dos compoñentes da estrutura de financiamento de ata 125 millóns de euros prevista para Celta360. A operación contempla a ampliación con opción preferente aos accionistas e a posible entrada dun novo investidor minoritario só no caso de que quede capital non subscrito polos accionistas actuais, mantendo o actual modelo de control accionarial da entidade.

Esta selección de socios responde a unha vocación de longo prazo e de contribución ao desenvolvemento do proxecto, máis alá dun perfil exclusivamente financeiro ou da procura de rendibilidade inmediata.

Consistencia económica e continuidade do proxectoCon esta operación ponse en valor a estratexia das tres “C” do Celta: conexión coa comunidade, competitividade deportiva e consistencia económica. Este último principio orienta as decisións de investimento e financiamento cara á consolidación dunha entidade sólida e sostible.

Desde esta perspectiva, o financiamento de Celta360 busca dotar o proxecto dos recursos necesarios para o seu desenvolvemento, preservando a estabilidade económica do club e a continuidade do seu modelo de control. O obxectivo é que Celta360 xere valor deportivo, económico e social para o Celta e para Galicia, e contribúa a manter un club forte durante os próximos cen anos.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas