16-9
O Club

O Celta e Conxemar selan unha alianza estratéxica para os vindeiros sete anos

RC Celta

O Celta e Conxemar, Asociación Española de Maioristas, Importadores, Exportadores e Transformadores de Produtos da Pesca e Acuicultura, asinaron este xoves un acordo estratéxico de patrocinio ata o ano 2033. A sinatura tivo como protagonistas a presidenta do Celta, Marián Mouriño, e o presidente de Conxemar, Eloy Alvariza, e levouse a cabo nun acto celebrado no Estadio Municipal ABANCA Balaídos. Esta alianza nace dunha vinculación que vai moito máis alá do empresarial: a conexión que sempre tivo o Celta co mar, algo que sempre formou parte da identidade, da historia e da maneira de entender a vida de toda a nosa comunidade.

A sinatura do acordo estivo acompañada pola proxección dun documental que repasou a importancia que o mar tivo ao longo da historia de Vigo e a súa relación co crecemento da cidade e da súa contorna. Un percorrido que permitiu poñer en valor tamén os vínculos do Celta co mar e cunha cidade cuxo carácter mariñeiro forma parte inseparable da identidade do club.

Esta alianza intégrase ademais no proxecto que o Celta vén desenvolvendo desde a chegada de Marián Mouriño á presidencia, sustentado sobre tres grandes piares: a competitividade deportiva, a consistencia económica e a conexión coa comunidade. O acordo con Conxemar reforza especialmente este último, consolidando a relación do club cun dos sectores que mellor representa Vigo e Galicia e que proxecta a súa identidade moito máis alá das nosas fronteiras.

“Escoller socios tamén é unha maneira de definir que club queremos ser e que queremos representar, e nese sentido Conxemar ten un encaixe moi natural co Celta. O mar é algo moi noso e conéctanos coa comunidade. Por iso, esta colaboración permítenos medrar desde as nosas raíces, reforzar a nosa identidade dentro e fóra de Galicia e, ao mesmo tempo, mirar cara ás vindeiras xeracións, xerando iniciativas que axuden a coñecer, valorar e coidar esa ligazón co mar. Ao final, trátase de medrar acompañados por un sector co que compartimos memoria, valores e, sobre todo, unha ambición de futuro”, explicaba Marián Mouriño tras a sinatura.

O presidente de Conxemar, Eloy Alvariza, destacou que esta alianza vai moito máis alá dunha colaboración institucional: “compartimos unha forma de entender o compromiso coa sociedade, baseada na promoción de hábitos saudables, o esforzo e o benestar das persoas. O deporte é unha ferramenta extraordinaria para transmitir estes valores e para concienciar sobre a importancia dunha alimentación equilibrada, na que os produtos do mar desempeñan un papel fundamental”.

Como parte do acordo, Conxemar contará con presenza e visibilidade en diferentes soportes e activos do Celta, ademais de dispoñer dunha zona de espazo propio en ABANCA Balaídos, situada na nova bancada de Gol unha vez finalizada a súa construción. Celta e Conxemar comezan así un camiño conxunto de sete anos co obxectivo de seguir estreitando os lazos entre o club, a cidade, a súa xente e un sector do que Vigo é un dos seus grandes referentes internacionais.

RC Celta

Etiquetas

Novas club Novas destacadas O Club

Noticias recomendadas