
Xa están á venda as entradas para o partido entre o Celta Fortuna e o CD Tenerife. O club activou a venda de localidades para o encontro do filial celeste ante o conxunto tinerfeño, unha cita de alto voltaxe na que se enfrontarán dous equipos recentemente ascendidos á LaLiga Hypermotion. O partido, correspondente á xornada 10, disputarase o vindeiro luns 19 de outubro ás 20:30 horas no Abanca Balaídos.
Acceso ao partido: suplemento ou troco por unha entrada nominativa e numerada
Co obxectivo de garantir o cumprimento das esixencias da competición en canto ao aforo, os celtistas que non teñan obtido o suplemento do Celta Fortuna deberán dispor dunha entrada nominativa para acceder ao encontro.
Os carnés do Celta en calquera das súas modalidades (Abonado, As Celtas, Fundación ou Miudiño) non serán válidos por si sós para acceder ao estadio. Só poderán acceder directamente co seu carné aqueles afeccionados que dispoñan do suplemento Celta Fortuna «Feito na Madroa».
Para este encontro estarán habilitadas as bancadas de Tribuna Alta, Río Baixo e Marcador Baixo, cunha dispoñibilidade equivalente a un mínimo do 50 % do aforo para o troco de invitacións.
Prioridade para os carnés celtistas
Os titulares dun Carné Celtista da tempada 2026/27 poderán obter unha entrada gratuíta en liña, suxeita á dispoñibilidade, durante un período exclusivo de 48 horas de prioridade. Se non se esgotan as entradas durante este período, por razóns operativas e de control do aforo, o troco poderá realizarse ata o lunes 19 de outubro ás 14:00 horas. A partir dese momento, as entradas estarán á venda para o público xeral.
Para realizar o troco será necesario identificarse con:
- ID de socio (impreso no carné).
- PIN correspondente (os catro últimos díxitos do DNI. No caso dos menores de idade, poderá ser 1111).
Como trocar a túa entrada?
1. Accede ao portal de entradas
Realiza o proceso a través da ligazón habilitada ou desde o portal oficial de venda de entradas do club (non desde o Portal Celtista) durante as primeiras 48 horas de prioridade.
2. Selecciona a túa localidade
Escolle a bancada e o asento que prefiras entre as localidades dispoñibles.
3. Vincula os carnés
Fai clic na opción «Tes algunha promoción?» e introduce:
- ID de socio
- PIN
Unha vez validados os datos, poderás asociar os carnés ás localidades seleccionadas.
Poderanse xestionar ata seis entradas nunha mesma operación, introducindo un ID e un PIN diferentes para cada asento.
4. Completa os datos dos asistentes
Todas as entradas son nominativas, polo que será obrigatorio completar os datos persoais correspondentes a cada entrada antes de finalizar o proceso.
5. Recibe as túas entradas
As entradas enviaranse ao enderezo de correo electrónico indicado durante a reserva.
6. Accede ao estadio
O día do partido poderás acceder mostrando a entrada dixital recibida por correo electrónico. Recomendámosche descargala con antelación ou levala impresa. O club recomenda acudir con tempo suficiente para axilizar o acceso, especialmente nas zonas de Marcador Baixo e Río Baixo, onde só se habilitará o acceso con entrada.
Os afeccionados deberán ocupar a localidade seleccionada durante o proceso de troco.
Ademais, as portas do Abanca Balaídos abrirán unha hora e quince minutos antes do inicio do encontro, co obxectivo de facilitar unha entrada escalonada e evitar aglomeracións.
O Celta solicita tamén un uso responsable das entradas gratuítas e lembra que só deben trocarse cando exista unha intención real de asistir ao partido.
O club resérvase o dereito de denegar o acceso e adoptar as medidas oportunas en futuros trocos naqueles casos nos que se detecte un uso inadecuado das entradas ou a non asistencia ao encontro coas localidades asignadas como invitación.
Venda de entradas desde 15 euros
Unha vez rematado o período preferente para os Carnés Celtistas, desde o xoves 15 de outubro ás 14:00 horas, calquera afeccionado poderá adquirir entradas para o encontro desde 15 euros, ata completar o aforo.
Vémonos no Abanca Balaídos, celtistas!