20261023_CELTA_ALDEANA-_11
O Club

La Aldeana abre as súas portas en ABANCA Balaídos e reforza o novo modelo de estadio aberto á cidade

RC Celta

O Celta incorpora o mítico restaurante vigués como o primeiro establecemento de restauración aberto ao público xeral no seu estadio

Este venres, ABANCA Balaídos inaugura La Aldeana, o primeiro restaurante do estadio aberto ao público xeral. O mítico establecemento vigués, recoñecido pola súa proposta de cociña tradicional galega e por especialidades como o polbo e a tortilla, amplía así a súa presenza na cidade cun novo espazo no corazón do celtismo.

A chegada de La Aldeana representa un novo avance na transformación de ABANCA Balaídos, concibido para evolucionar máis alá da súa actividade deportiva e converterse nun espazo vivo, dinámico e aberto a Vigo durante todo o ano. A incorporación de novas propostas de restauración e lecer forma parte da aposta do Celta por ampliar os usos do estadio e reforzar a súa conexión coa cidade.

Con esta apertura, o club continúa desenvolvendo o novo concepto de Balaídos desde que o Concello de Vigo oficializou a concesión do estadio, unha visión que contempla a convivencia entre deporte, gastronomía, experiencias e novos servizos para as persoas afeccionadas e a cidadanía. O obxectivo é xerar novas oportunidades de encontro e actividade arredor dun dos espazos máis emblemáticos de Vigo, tamén fóra dos días de partido.

«Estamos moi contentos de poder abrir un novo restaurante aquí, en ABANCA Balaídos. Queremos ofrecer unha proposta e un concepto gastronómico dinámicos, pero respectando a tradición e utilizando produtos da nosa terra», explica o propietario de La Aldeana, Manuel David Domínguez.

«A apertura de La Aldeana é un paso máis na nosa maneira de entender o crecemento do Celta. Queremos que as nosas infraestruturas evolucionen co club e nos permitan ampliar a nosa actividade, xerar novas oportunidades e fortalecer a conexión coa nosa comunidade. O noso estadio ten un enorme potencial e estamos a traballar para desenvolvelo, mantendo sempre a nosa identidade e o noso compromiso coa cidade», explica o director da Área Celtista, David González.

A inauguración de La Aldeana representa un novo paso no crecemento do Celta como club, reforzando a súa aposta por unhas infraestruturas que evolucionan ao ritmo do seu proxecto deportivo e social.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas