
Hai cousas que, por moito que intentemos explicalas con palabras, nunca poderán describir exactamente aquilo que significan. Aínda seguimos en shock polo que vivimos xuntos en Glasgow.
Esta historia comezou o día que coñecemos o destino, cando Glasgow apareceu no calendario europeo e miles de celtistas empezastes a imaxinar unha noite que xa forma parte da nosa historia.
Máis de 3.000 de vós cruzastes Europa para estar ao noso lado. Deixastes a vosa casa, a vosa rutina e asumistes moitas horas de viaxe para acompañar ao equipo en Celtic Park.
Para acompañarnos, para apoiarnos, para tinguir Glasgow de celeste, levando un pedaciño de Galicia ata Escocia, con ese xeito tan noso de converter calquera lugar en casa.
Sabemos todo o esforzo que isto supón para vós. As horas de viaxe, as escalas, os días de traballo, etc. Sabemos que estar aí non sempre é doado. Por iso, vervos en Celtic Park e recoñecervos entre miles de persoas emocionounos tanto.
Queremos darvos as grazas a quen puideches estar en Glasgow e tamén a quen, desde casa, seguistes cada minuto co corazón alí. Por quen leva décadas percorrendo quilómetros co escudo cravado no peito e por quen empeza agora a descubrir o que significa ser do Celta.
Quizá por iso Glasgow era tan especial. Dous clubs unidos por dúas afeccións que senten orgullo de onde veñen e que entenden que as raíces se levan dentro, pero tamén se defenden, compártense e celébranse. E deste xeito, xuntos alcanzamos a vitoria. Unha vitoria que nos emociona cando vos escoitamos celebrar, cando o equipo mira á bancada e entende que esa alegría tamén vos pertence.
Este foi o noso maior desprazamento nunha fase de grupos da UEFA Europa League. Un dato que formará sempre parte da nosa historia. Grazas por estar, polo esforzo e por esa forma tan vosa de querer ao Celta.
Se algo nos volvestes a demostrar en Glasgow é que, esteamos onde esteamos, nunca camiñamos sós.
We never walk alone.
Grazas, celtismo.
Sempre Celta!