
O Celta Fortuna afrontou en Montilivi unha das probas máis esixentes da categoría ante todo un Girona feito para recuperar o seu lugar na Primeira División. O filial celeste non puido evitar a derrota ante o cadro catalán que encarrilou o encontro na primeira metade.
O partido púxose costa arriba desde os primeiros compases. Vanat abriu o marcador e o Girona ampliou rapidamente a súa vantaxe cos tantos de Unai Hernández e o dobrete do dianteiro ucraíno, este último desde o punto de penalti. A expulsión de Pablo Meixús engadiu dificultade a unha tarde na que o Fortuna tivo que remar a contracorrente ante un rival de enorme potencial ofensivo. Antes do descanso, Carles Pérez asinou o cuarto tanto local.
Lonxe de baixar os brazos, o filial celeste saltou novamente ao terreo de xogo para defender este escudo como se merece. Aínda que Vanat abriu aínda máis a brecha co seu hat-trick persoal, os pupilos de Fredi Álvarez atoparon premio á súa insistencia nunha boa acción de Óscar Marcos, que recortou distancias e permitiu ao equipo pechar a segunda metade con mellores sensacións.
A xornada deixou unha nota positiva. Stefan Bajčetić volveu disputar minutos máis de 500 días despois da súa última aparición, poñendo fin a un longo período afastado dos terreos de xogo.
O resultado non acompañou ao Celta Fortuna nunha das saídas máis esixentes do calendario, pero o equipo volveu atopar argumentos para seguir crecendo na súa travesía por LaLiga Hypermotion. A próxima cita será en Abanca Balaídos o sábado, 31 de outubro ás 18:30h., ante o Córdoba CF.
FICHA TÉCNICA:
5 – Girona FC: Gazzaniga; Mate (Abdul Mumin, min. 59), Alejandro Francés, David López, Àlex Moreno; Fran Beltrán (Morante, min. 59), Izan; Asprilla, Unai Hernández (Van de Beek, min. 59), Carles Pérez (Stuani, min. 73); e Vanat (Pyshchur, min. 67).
1 – Celta Fortuna: Coke Carrillo; Germain Milla (Mateo Sobral, min. 57), Pablo Gavián, Pablo Meixús, Quique Ribes, Joel López; Hugo Cuenca (Seyni Ndiaye, min. 57), Capde (Kibet, min. 77); Óscar Marcos (Stefan Bajčetić, min. 77), Álvaro Marín e Ángel Arcos (Jan Oliveras, min. 61).
Goles: 1-0, min. 17: Vanat. 2-0, min. 20: Unai Hernández. 3-0, min. 29: Vanat. 4-0, min. 38: Carles Pérez. 5-0, min. 55: Vanat. 5-1, min. 59: Óscar Marcos.
Árbitro: José Luis Guzmán (comité andaluz). Por parte do Celta Fortuna, expulsou a Pablo Meixús (min. 28) e mostrou cartolina amarela a Hugo Cuenca (min. 41), Jan Oliveras (min. 77) e a Joel López (min. 90+1). Por parte do Girona viu amarela Stuani (min. 90+3).
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 11 de LaLiga Hypermotion disputado no Estadio Montilivi ante 9.682 espectadores.