
Con motivo do Día de Todos os Santos, o Celta abrirá o vindeiro domingo 1 de novembro o seu mural en memoria dos celtistas falecidos, situado na bancada de Marcador Baixo de Abanca Balaídos. O espazo permanecerá aberto de 11:00 a 13:00 horas para que familiares, amizades e afeccionados poidan achegarse a lembrar a todas aquelas persoas coas que compartiron a súa paixón polo Celta.
O mural rende homenaxe a todas as persoas que viviron o celtismo desde a bancada, que acompañaron o equipo en cada tempada e que forman parte da historia do club. É unha data sinalada para lembralas no lugar que tantas veces sentiron como a súa casa, polo que o Celta convida a todo o celtismo a sumarse a esta xornada de lembranza, na que o templo celeste volve abrir as súas portas aos seus, aos que estiveron e estarán sempre connosco.