
A Fundación Celta pon á venda desde hoxe a súa lotaría de Nadal para o Sorteo Extraordinario do vindeiro 22 de decembro. Este ano, o celtismo xogará co número 23823, con participacións de 5 euros, dos cales 0,50 serán un donativo destinado aos proxectos sociais da Fundación.
A participación desta tempada ten, ademais, un valor moi especial, xa que o seu deseño leva a sinatura de Sky, integrante de Celta Integra Zelnova, un dos proxectos insignia da Fundación. Unha iniciativa que pon en valor o talento e o traballo dos seus participantes e que reflicte, unha vez máis, o compromiso do club coa inclusión. Así, cada participación convértese tamén nun pequeno xesto de orgullo celeste.
Esta lotaría poderá adquirirse na Clínica Celta e nas tendas oficiais do club, tanto na da rúa do Príncipe como na de Abanca Balaídos, ata esgotar existencias.
Co seu número, os afeccionados non só compartirán a ilusión dunha das tradicións máis arraigadas do Nadal, senón que tamén contribuirán a que a Fundación Celta siga desenvolvendo o seu labor social, deportivo e formativo en Vigo e en toda Galicia.
Moita sorte, celtistas!