
Hai tradicións que forman parte da historia dun lugar e que, co paso do tempo, acaban converténdose en sinais de identidade de toda unha terra. En Galicia, o pulpo á feira e o Celta son bos exemplos diso. O Carballiño é o berce dun dos grandes referentes da gastronomía galega; Vigo, o lugar onde naceu un club que hoxe é bandeira do fútbol da nosa comunidade.
Desa conexión nace «O Carballiño: pulpo á feira, sangue Celta», un documental producido por Celta Media para o Concello do Carballiño que percorre a historia do oficio de polbeiro e a súa estreita relación coa entidade celeste. A través dos seus protagonistas, o relato une ambas as localidades e recupera a pegada de quen fixo da emigración unha ponte entre elas, levando consigo a súa paixón polo Celta. Nove voces, coa xogadora das Celtas e veciña de Ourense Ana Toubes como narradora principal, dan forma a esta viaxe por unha historia na que o balón e o arrecendo a pemento se enchen de memoria e sentimento de pertenza.
O Celta e o Concello do Carballiño presentarán esta peza aos medios de comunicación, enmarcada no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino «O Carballiño e a Gastronomía do Polbo», o vindeiro xoves 12 de novembro, ás 18:00h., no Salón Regio de A Sede. Tras o acto, o documental estrearase na canle oficial de YouTube do club para o desfrute dos afeccionados.
Con esta iniciativa, o Celta busca abrazar unha vez máis as súas raíces e seguir tecendo unha rede invisible entre herdanzas que se transmiten de xeración en xeración, máis alá de calquera fronteira.