20261105_CELTA_USG_XVA-aficion, previa_124
Celtismo

Celta Fortuna – Real Valladolid | Xa á venda as entradas para unha cita ineludible na casa para arroupar os canteiráns

RC Celta

Abanca Balaídos prepárase para unha nova tarde de LaLiga Hypermotion. O club xa activou a venda de entradas para o encontro entre o Celta Fortuna e o Real Valladolid, correspondente á Xornada 15 do campionato. O partido disputarase o vindeiro domingo 22 de novembro ás 18:30 horas e será unha cita ineludible na que o filial celeste buscará facer valer o factor campo e ofrecerlle unha vitoria á afección fronte a un histórico e esixente conxunto pucelano. Para conseguilo, é fundamental que todo o celtismo acuda ao templo celeste para arroupar os nosos canteiráns, xa que o seu alento será o motor que impulse o equipo de volta á senda dos tres puntos.

Acceso ao partido: suplemento ou troco de entrada nominativa e numerada

Co obxectivo de garantir o cumprimento das esixencias da competición en materia de aforo, aqueles celtistas que non obtivesen o Suplemento do Celta Fortuna deberán dispor dunha entrada nominativa para acceder ao encontro.

Os carnés do Celta en calquera das súas modalidades (Abonado, As Celtas, Fundación ou Miudiño) non serán válidos por si sós para acceder ao estadio. Só poderán entrar directamente co seu carné aqueles afeccionados que dispoñan do Suplemento Celta Fortuna «Feito na Madroa».

Para este encontro estarán habilitadas as bancadas de Tribuna Alta, Río Baixo e Marcador Baixo, cunha dispoñibilidade equivalente a cando menos o 50 % do aforo para o troco de invitacións.

Prioridade para os carnés celtistas

Os titulares dun Carné Celtista da tempada 2026/27 poderán conseguir unha entrada gratuíta en liña, suxeita á dispoñibilidade, durante un período exclusivo de 48 horas de prioridade. Se non se esgotan durante este prazo, por razóns operativas e de control do aforo, o troco poderá realizarse ata o domingo 22 de novembro ás 14:00 horas.

Para realizar o troco será necesario identificarse cos seguintes datos:

  • ID de socio (impreso no carné).
  • PIN correspondente (os catro últimos díxitos do DNI. No caso dos menores de idade, poderá ser 1111).

Como trocar a túa entrada?

  1. Accede ao portal de entradas

Realiza o proceso a través da ligazón habilitada ou desde o portal oficial de venda de entradas do club (non desde o Portal Celtista) durante as primeiras 48 horas de prioridade.

  1. Selecciona a túa localidade

Escolle a bancada e o asento que prefiras entre as localidades dispoñibles.

  1. Vincula os carnés

Fai clic na opción «Tes algunha promoción?» e introduce os seguintes datos:

  • ID de socio
  • PIN

Unha vez validados os datos, poderás asociar os carnés ás localidades seleccionadas.

Poderanse xestionar ata seis entradas nunha mesma operación, introducindo un ID e un PIN diferentes para cada asento.

  1. Completa os datos dos asistentes

Todas as entradas son nominativas, polo que será obrigatorio cubrir os datos persoais correspondentes a cada unha antes de finalizar o proceso.

  1. Recibe as túas entradas

As entradas enviaranse ao enderezo electrónico indicado durante a reserva.

  1. Accede ao estadio

O día do partido poderás acceder mostrando a entrada dixital recibida por correo electrónico (recomendámosche descargala con antelación ou levala impresa). O club aconsella acudir con tempo abondo para axilizar o acceso, especialmente nas zonas de Marcador Baixo e Río Baixo, onde só se habilitarán entradas.

Os afeccionados deberán ocupar a localidade seleccionada durante o proceso de troco.

Ademais, as portas de Abanca Balaídos abrirán unha hora e quince minutos antes do comezo do encontro, co obxectivo de facilitar unha entrada escalonada e evitar aglomeracións.

O Celta solicita tamén un uso responsable das entradas gratuítas e lembra que só deben trocarse cando exista unha intención real de asistir ao partido.

O club resérvase o dereito de denegar o acceso e adoptar as medidas oportunas para futuros trocos naqueles casos nos que se detecte un uso inadecuado ou a non asistencia ás localidades asignadas como invitación.

Venda de entradas desde 15 euros

Unha vez rematado o período preferente para os Carnés Celtistas, desde o xoves 12 de novembro ás 14:00 horas, calquera afeccionado poderá mercar entradas para o encontro desde 15 euros, ata completar o aforo.

Vémonos en Abanca Balaídos, celtistas!

RC Celta

Etiquetas

Celtismo

Noticias recomendadas