DSC07976
O Club

A Sede acolle a estrea de “O Carballiño: polbo á feira, sangue Celta”, o novo documental de Celta Media

RC Celta

A Sede acolleu esta tarde a presentación pública de «O Carballiño: polbo á feira, sangue Celta», o novo documental producido por Celta Media para o Concello do Carballiño. Unha peza audiovisual que conecta dous dos grandes sinais de identidade de Galicia: a tradición do polbo á feira e a paixón polo Celta. Esta produción enmárcase no Plan de Sustentabilidade Turística en Destino «O Carballiño e a Gastronomía do Polbo», impulsado para poñer en valor o patrimonio gastronómico e cultural da localidade ourensá.

O acto contou coa presenza de representantes do Concello do Carballiño, da asociación de polbeiras do Carballiño, xornalistas, directivos do club e patrocinadores, que puideron gozar en primicia da proxección do documental e coñecer de primeira man a historia que hai detrás desta produción.

Tras a súa proxección, tivo lugar unha mesa redonda na que participaron Marián Mouriño, presidenta do Celta; Pepe Castro, alcalde en funcións do Concello do Carballiño; Silvia Baranda, representante da asociación de polbeiras do Carballiño; e André Taboada, responsable de Marketing do club. Durante o encontro, os participantes afondaron na importancia da iniciativa, no valor de preservar as tradicións e na capacidade do fútbol para xerar vínculos, construír comunidade e manter vivas as raíces dun territorio.

O documental parte dunha conexión histórica e emocional entre O Carballiño, berce dun dos grandes referentes da gastronomía galega, e Vigo, cidade na que naceu un club convertido hoxe en bandeira do fútbol da nosa comunidade. Dous lugares unidos tamén pola historia da emigración, que levou numerosas familias do Carballiño a outros territorios sen que por iso perdesen os seus costumes nin o seu sentimento celeste.

A través de nove voces protagonistas, con Ana Toubes, xogadora de As Celtas e veciña de Ourense, como narradora principal, a produción percorre a historia do oficio de polbeiro e a súa estreita relación co celtismo. Un relato no que se entrelazan memoria, tradición, identidade e sentimento de pertenza, poñendo en valor o legado de quen transmitiu estas paixóns de xeración en xeración.

Con «O Carballiño: polbo á feira, sangue Celta», o Celta, a través de Celta Media, volve tender pontes entre o club e a súa contorna, reivindicando unha identidade que transcende fronteiras e xeracións. Porque o sentimento celeste tamén se constrúe desde as raíces, a memoria e as historias que fan de Galicia unha terra única.

RC Celta

Etiquetas

O Club

Noticias recomendadas