-
O proxecto, impulsado desde Celta360 xunto cun socio local, permitirá trasladar a metodoloxía e os valores do club celeste ao fútbol base mexicano
-
- O Celta continúa avanzando na súa estratexia de expansión internacional coa posta en marcha da súa primeira academia oficial na Cidade de México. O proxecto, desenvolvido durante os últimos meses desde Celta360 e froito dun acordo formalizado cun socio local, supón un novo paso no crecemento internacional da entidade celeste e na súa aposta por achegar o seu modelo de formación a novos mercados.A nova academia nace co compromiso e a implicación directa do Celta, co obxectivo de trasladar a metodoloxía de traballo, a filosofía e os valores do club aos mozos futbolistas mexicanos. Para garantir o desenvolvemento da iniciativa baixo os estándares de excelencia que definen o Celta, a entidade contará cun responsable do proxecto desprazado desde Vigo, que supervisará e coordinará a súa implantación, asegurando a aplicación da identidade e dos criterios formativos do club en todas as súas áreas de traballo.
Esta iniciativa permitirá ao Celta reforzar a súa presenza nun mercado estratéxico como o mexicano, ampliar a súa conexión co fútbol base internacional e xerar novas oportunidades para compartir o seu modelo formativo con nenos e mozos da rexión.

- O acordo representa tamén un novo impulso para Celta360, a área desde a que o club desenvolve diferentes iniciativas de crecemento, internacionalización e expansión da súa metodoloxía, consolidando a súa aposta por levar a experiencia e o coñecemento da entidade máis alá das súas fronteiras.A posta en marcha da academia levarase a cabo cun acto oficial de presentación na Cidade de México, dirixido aos medios de comunicación e ás familias, que se concretará proximamente. A xornada incluirá tamén un clinic impartido por técnicos do Celta, que permitirá aos participantes coñecer de primeira man a metodoloxía de adestramento do club e vivir unha experiencia formativa vinculada á entidade celeste.
Con este proxecto, o Celta dá un novo paso na súa vocación internacional e no seu compromiso coa formación de mozos futbolistas, levando a súa identidade, metodoloxía e sentimento celeste ata México. Así mesmo, a iniciativa permitirá xerar novas sinerxías co programa A Canteira Experience, reforzando a súa dimensión internacional e ofrecendo aos mozos futbolistas da academia a posibilidade de achegarse ao modelo formativo do club a través de experiencias deportivas e formativas en Galicia, no ecosistema Celta360.