
A Fundación Celta pon en marcha unha nova edición de ‘Celeste Solidario’, a súa tradicional campaña de Nadal de recollida de xoguetes, que este ano terá como destinatarias as Escolas Sociais da Fundación Celta en Senegal e Perú.
A iniciativa arrinca hoxe, martes 17 de novembro, co obxectivo de mobilizar unha vez máis a afección celeste e sumar esforzos para levar ilusión e novas oportunidades a nenos e nenas a través do deporte e da educación.
Durante o próximo mes, todas aquelas persoas que desexen colaborar poderán depositar as súas doazóns nos puntos de recollida habilitados nas tendas oficiais do club en Abanca Balaídos e A Sede, durante o seu horario comercial.
A través de ‘Celeste Solidario’, o celtismo volve demostrar que o seu compromiso vai moito máis alá do terreo de xogo. Unha iniciativa que, edición tras edición, reflicte os valores que definen o club e que busca repartir ilusión e esperanza tanto en Vigo como en distintos recunchos do mundo nestas datas.