16-9 (1) (1)
Novas primeiro equipo

O Arosa SC, próximo rival do Celta na Copa

RC Celta

A Real Federación Española de Fútbol (RFEF) celebrou este mediodía, na Cidade do Fútbol de Las Rozas, o sorteo da segunda eliminatoria da Copa del Rey, que deparou un derbi galego para o Celta. Os celestes medirán ao Arosa SC a principios de decembro no Estadio da Lomba, en Vilagarcía de Arousa.

O conxunto vilagarcián, que milita no grupo 1 de Segunda Federación tras proclamarse campión do seu grupo de Terceira Federación a pasada tempada, gañou a súa praza nesta rolda tras impoñerse por 2-0 ao Pontevedra CF na Lomba, con goles de Marcos Remeseiro e Gabriel Palmás.

Os celestes, pola súa banda, selaron o seu pase cun 0-5 ante o Salamanca UDS no Estadio Helmántico, grazas aos dobretes de Ferran Jutglà e Williot Swedberg e ao tanto de Andrés Antañón.

Os de Claudio Giráldez afrontan así unha eliminatoria ilusionante ante un rival co que xa se enfrontaron nesta competición, precisamente na segunda eliminatoria da Copa da tempada 80/81. Tras o 1-1 da ida na Lomba e o 0-0 da volta en Abanca Balaídos, o Celta selou o pase nunha tanda de penaltis que tivo que disputarse ao día seguinte. Corenta e seis anos despois, ambos os equipos volverán verse as caras na Lomba, desta vez a partido único, nun encontro que se disputará entre o 1 e o 3 de decembro.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas