
O Celta inicia o seu camiño na Copa del Rey o vindeiro mércores 28 de outubro, visitando o Salamanca CF UDS no Helmántico ás 21:00h. Para este primeiro compromiso, os celtistas que queiran acompañar o equipo xa poden realizar a pre-reserva das súas entradas, dispoñibles a un prezo de 35 euros.
O proceso estará aberto desde hoxe, luns 19 de outubro, ás 16:00h, ata o mércores 21 de outubro á mesma hora.
A continuación, explicamos detalladamente como realizar o proceso e cales son os pasos que hai que seguir desde o Portal do Celtista.
1. Pre-reserva e adxudicación
Para optar a unha entrada na bancada visitante (35 euros), é necesario realizar unha inscrición no Portal do Celtista, de maneira individual ou en grupo (dun máximo de 6 celtistas), e aboar un importe de pre-reserva (5 euros) para que as solicitudes sexan en firme. Este importe será devolto no caso de non resultar seleccionado/a.
Este pagamento non garante automaticamente a entrada, senón que permite participar no proceso de adxudicación, que se rexe polos seguintes criterios:
- 75% das entradas adxudícanse segundo a antigüidade: no caso dos grupos, tense en conta a media de antigüidade; nas solicitudes individuais, a antigüidade de cada persoa.
- 25% das entradas adxudícanse mediante un sorteo entre as persoas solicitantes restantes.
Unha vez finalizado o proceso de adxudicación, todas as persoas inscritas recibirán un correo electrónico co resultado da súa solicitude.
2. Pagamento final para as persoas seleccionadas
Os celtistas que resulten seleccionados recibirán un correo electrónico de confirmación coas instrucións para completar a compra, aboando a diferenza respecto do importe da pre-reserva realizada.
Para formalizar a compra, deberán seguir estes pasos:
- Acceder ao Portal do Celtista e dirixirse ao apartado «Entradas Visitante».
- Completar o pagamento nun prazo máximo de 48 horas desde a recepción do correo electrónico.
- Recibirán a confirmación da compra e a información sobre a entrega da entrada.
⚠ Importante: Se o pagamento non se realiza dentro do prazo indicado, perderase o dereito a mercar a entrada e o importe da pre-reserva non será reembolsado.
3. Devolución para as persoas non seleccionadas
Aquelas persoas que non resulten seleccionadas recibirán un correo electrónico coa notificación e, de maneira automática, o club procederá ao reembolso íntegro do importe da pre-reserva, empregando o mesmo método de pagamento utilizado durante a inscrición.
4. Confirmación e entrega das entradas
Os afeccionados que completen o proceso de compra recibirán un correo electrónico de confirmación. É importante lembrar que o xustificante de pagamento non é válido como entrada.
Unha vez realizada a compra, non se permiten cambios nin devolucións.
Lembramos que esta preinscrición para as entradas está dispoñible no Portal do Celtista desde este momento ata o mércores 21 de outubro ás 16:00h. Lembramos que as entradas son nominativas e será necesario presentar o DNIxunto coa entrada no acceso ao estadio.
Vémonos en Salamanca, celtistas!