20241213_Viaje_SEVILLAvsRCCELTA_CidadeDeportivaAfouteza-4
O Club

A paz social alcanza a plenitude: Acordo coa Comunidade de Montes de Tameiga sobre Afouteza-GS360

RC Celta

Unha das máximas que guían a xestión do actual consello de administración é clara e contundente: “Un Celta de todos e para todos“. A paz social foi e é un dos obxectivos prioritarios da presidenta do club, Marián Mouriño, desde a súa chegada á entidade e nesta senda o RC Celta deu importantes pasos nos últimos meses.

A procura da normalización e mellora da relación con institucións, entidades e afección resultou frutífera e exitosa, pero quedaba unha difícil aresta, un enfrontamento enquistado durante varios anos que, co esforzo de todos, xa se liquidou: o RC Celta alcanzou un acordo coa Comunidade de Montes de Tameiga para poñer fin a un cru conflito, negativo e prexudicial para ambas as partes.

O club quere, en primeiro lugar, expresar a súa gran satisfacción por este acordo que pon fin a unha disputa que parecía insalvable e que garante o normal desenvolvemento dun proxecto absolutamente clave para o futuro do club e do deporte galego, a Cidade Deportiva Afouteza- GS360. E tamén desexa agradecer á Comunidade de Montes de Tameiga a súa boa disposición para poñer fin a esta longa disputa.

Para propiciar este valioso acordo, o RC Celta realizou un intenso labor para reestruturar o seu proxecto sen renunciar ás instalacións previstas, mantendo o contido da cualificación da Declaración de Interese Autonómico (DIA), nin acumular atrasos no seu desenvolvemento. Este arduo traballo permitiu liberar unha elevada porcentaxe do chan da Comunidade de Montes de Tameiga, algo máis do 80 por cento, que xa non se verá afectado polo desenvolvemento da cidade deportiva celeste, que mantén a práctica totalidade das instalacións planeadas para albergar aos equipos de canteira e o mini estadio para o filial e As Celtas, ademais das infraestruturas e contidos previstos en GS360. Por tanto, o proxecto mellora na súa adaptación á contorna reducindo a ocupación sobre o monte veciñal.  Ademais, establécese o compromiso de control e garantía total para a non afección das traídas históricas de Tameiga, tal e como fixo coas traídas da comunidade de Pereiras.

Este acordo que pecha o círculo da paz social inclúe tamén o prezo da futura expropiación dos terreos afectados, polo que non queda practicamente pendente ningún punto susceptible de xerar conflito.

Pola súa banda, a Comunidade de Montes de Tameiga retirará a totalidade das accións xudiciais en marcha e renuncia a emprender ningunha outra no futuro para posibilitar o correcto desenvolvemento do proxecto celeste.

O RC Celta atópase agora á espera da aprobación do PIA (Proxecto de Interese Autonómico), prevista para as próximas semanas, co fin de iniciar de maneira inmediata as obras da fase II do proxecto GS360, que inclúen o mini estadio, 5 novos campos de adestramento para os equipos xuvenís e cadetes de RC Celta e As Celtas, o Centro de Formación, onde se impartirán ciclos universitarios e de FP en materias relacionadas coa saúde e o deporte, unha residencia para os xogadores da canteira e de Academys e para estudantes, unha zona de restauración para dar servizo ao complexo e un hotel para visitantes, deportistas e participantes nos eventos de carácter académico, cultural e social que se organicen en Afouteza. O complexo culminará con dúas zonas dedicadas a clínica deportiva e innovación no deporte.

Este fantástico acordo permite a convivencia entre a defensa do monte e da auga pola comunidade e o crecemento deportivo do RC Celta. Un paso adiante para o club co que alcanza plenamente o seu obxectivo de paz social e garante a posta en marcha con total normalidade e respaldo unánime dun proxecto estratéxico para o futuro da entidade. Reforza, ademais, o firme compromiso do RC Celta co coidado do medioambiente, un dos aspectos de maior importancia á hora de deseñar a Cidade Deportiva Afouteza-GS360, e convérteo, sen dúbida, nun proxecto de todos para todos, máis universal e cun interese xeral incuestionable.

RC Celta

Etiquetas

Novas club Novas destacadas O Club

Noticias recomendadas