
O Salón Regio de A Sede acolleu esta tarde a Xunta Xeral Ordinaria e Extraordinaria de Accionistas do Celta, na que estiveron representadas un total de 261167 acciones, equivalentes ao 69,27% % do capital social. A reunión estivo marcada pola aprobación da renovación do Consello de Administración proposta pola presidenta do club, Marián Mouriño, que incorpora a José Maroto e Manuel Villanueva ao órgano de goberno da entidade.

Os accionistas tamén avalaron unha ampliación de capital no marco dunha rolda de financiamento para o desenvolvemento de Celta360, as contas anuais correspondentes ao exercicio 2025/2026, o informe de xestión e o resto dos puntos económicos sometidos a votación, entre eles o orzamento para a presente tempada 2026/2027, que ascende a 107 millóns de euros.
A renovación do Consello de Administración constituíu un dos principais acordos da Xunta. José Maroto, empresario costarricense con traxectoria no ámbito empresarial e na xestión deportiva, e Manuel Villanueva, xornalista e comunicador galego con máis de catro décadas de experiencia profesional, incorpóranse ao Consello xunto a Sergio Álvarez, Antón Álvarez, Miguel Álvarez, José Manuel Amoedo e Carmela Cuevas. A nova configuración mantén a aposta por perfís complementarios vinculados á xestión, á comunicación, ao deporte e ao desenvolvemento empresarial.
A renovación prodúcese tras a saída de Xisela Aranda e de José Álvarez, unha vez que remate o seu mandato. O club agradece a ambos a súa dedicación, compromiso e implicación durante a súa etapa no Consello de Administración.
A presidenta do Celta, Marián Mouriño, abriu a Xunta cunha intervención na que repasou a evolución do proxecto celeste, os principais retos da entidade e as liñas de traballo para os próximos anos: «Estou moi contenta de levar dúas tempadas entre os dez primeiros clasificados, un obxectivo que nos marcamos para deixar de ser un equipo que mire cara abaixo e consolidarnos nestas posicións que nos permitan soñar e erguer a mirada cara arriba. Dous anos en Europa certifican que, se traballamos todos na mesma dirección, podemos conseguir que un Celta europeo non sexa un soño nin unha simple anécdota. A canteira segue a ser o noso piar fundamental e, para seguir potenciándoa, continuamos traballando no proxecto Celta360. Facer realidade o proxecto Celta360, que xa está a emerxer e é visible, supón un gran paso na consolidación dun club serio, con visión e ambición, que bota raíces no seu territorio e na súa contorna. Por iso, hoxe sometemos a aprobación unha ampliación de capital no marco dunha rolda de financiamento que nos permita afrontar este paso tan importante para os próximos cen anos do club. Unha rolda na que traballamos con moito detalle e coidado para acadar un obxectivo principal: protexer o club e garantir que este necesario crecemento non poña nunca en risco o proxecto deportivo», explicou a presidenta do Celta durante o seu discurso.

A continuación, Gael García, director de comunicación, mercadotecnia e estratexia dixital do Celta, presentou as principais liñas de traballo do club en materia de comunicación e desenvolvemento de marca. Durante a súa intervención, repasou as iniciativas impulsadas para reforzar a identidade celeste, ampliar o seu alcance e potenciar a conexión coa afección a través das canles dixitais.
Despois foi a quenda de David González, director da Área Celtista, que repasou as principais iniciativas desenvolvidas para fortalecer o vínculo entre o club e a súa afección. Durante a súa intervención, destacou as accións destinadas a fomentar a participación do celtismo, explicou como se traballa para mellorar a experiencia dos abonados e presentou os novos espazos que abrirán proximamente en ABANCA Balaídos: o espazo Conxemar, o novo restaurante de La Aldeana e a Taberna Celta.
Tamén interveu desde o atril o director financeiro, Miguel Ángel Amo, quen presentou os resultados económicos do exercicio anterior, marcados pola cifra de negocio do club que por primeira vez na súa historia superou os 100 millóns de euros de beneficios, e as previsións orzamentarias para a tempada 2026/2027. Durante a súa exposición, detallou as principais magnitudes das contas, o plantexamento da ampliación de capital no marco da rolda de financiamento, a evolución dos ingresos e dos gastos, así como as medidas destinadas a consolidar a estabilidade financeira e garantir a sustentabilidade do proxecto deportivo.
A Xunta tamén abordou a situación dos principais proxectos estratéxicos do club. Neste apartado, o director de infraestruturas e relacións institucionais, Carlos Cao, informou sobre a evolución de Celta360, unha iniciativa chamada a impulsar o crecemento da canteira, a formación, a innovación e o desenvolvemento deportivo da entidade.
Para pechar as intervencións corporativas, Marco Garcés, director de fútbol do Celta, ofreceu unha visión xeral da planificación deportiva e da evolución do proxecto futbolístico. As súas palabras puxeron o foco no desenvolvemento do cadro de xogadores, no traballo de formación e na aposta polo talento da A Canteira como piares fundamentais para o futuro do club.
A Xunta concluíu cunha quenda de rogos e preguntas, durante a cal Marián Mouriño respondeu ás cuestións formuladas polos accionistas sobre a actualidade da entidade e as súas perspectivas de futuro.