
As Celtas xa están na terceira rolda da Copa de la Reina tras derrotar este mércores ao Real Oviedo Feminino por 3-1 na Madroa. Era o segundo partido na historia nesta competición para o conxunto celeste que, ante máis de 500 persoas, selaron o pase cos goles de Iris Acevedo, María Nogueira e Andrea Albiol. O Real Oviedo, recortou distancias nos minutos finais, pero as celestes mantiveron a súa vantaxe asegurando así a clasificación.
A próxima eliminatoria disputarase o mércores 4 de novembro e volverá xogarse na Madroa onde As Celtas terán como rival a un equipo de Primeira División, xa que nesta rolda entrarán no sorteo os oito clubs da máxima categoría que finalizaron entre os postos noveno e décimo cuarto da pasada tempada. O rival coñecerase o vindeiro luns 5 de outubro, ás 16.30 horas, no sorteo que se celebrará en Las Rozas.
Será o terceiro partido de As Celtas na Copa de la Reina e unha nova oportunidade para seguir facendo historia.