
O sorteo celebrado esta tarde na Cidade do Fútbol de Las Rozas cruzou o camiño de As Celtas co do Granada CF, que visitará A Madroa o vindeiro 19 ou 20 de decembro. A eliminatoria, a partido único, traerá ao equipo de Primeira División ao feudo celeste, o mesmo escenario no que as xogadoras de David Ferreiro conseguiron as súas tres vitorias anteriores no torneo.
O reto de recibir o conxunto nazarí chega tras unha traxectoria que xa superou todas as expectativas. As viguesas comezaron a súa participación deixando atrás o Real Avilés Industrial, confirmaron as boas sensacións ante o Real Oviedo Femenino e deron un golpe sobre a mesa o pasado xoves, cando eliminaron o RCD Espanyol Femení.
Ese triunfo abriu as portas duns oitavos de final que agora traen a Vigo a un dos grandes referentes do fútbol español. Un partido no que As Celtas buscarán seguir facendo historia na súa estrea, mantendo a ilusión do club e do celtismo ante o reto de competir sen complexos para prolongar unha traxectoria irrepetible.