O Club

Celta Media consolida o seu crecemento con cifras de récord esta tempada

RC Celta

Celta Media pecha a tempada 2025/26 consolidando un modelo de contidos baseado na eficiencia, a creatividade e a innovación. Durante o curso, a área audiovisual do club xerou máis de 1.300 contidos e distribuíu 6.900 vídeos nas súas diferentes plataformas, ademais de realizar 108 emisións en directo que superaron as 130 horas de retransmisión e acadaron máis de 1,1 millóns de visualizacións, un 164 % máis ca na tempada anterior.

Máis aló do volume de produción, os datos reflicten unha mellora significativa no rendemento de cada publicación. As visualizacións por contido, respecto do curso anterior, medraron un 70,8 %; as impresións aumentaron un 86,2 %; o engagement por publicación incrementouse un 38,4 %; e o valor económico xerado por peza subiu un 39,8 %. Estas cifras confirman a consolidación dunha estratexia centrada na calidade e na optimización do contido, capaz de xerar un maior impacto sen necesidade de aumentar o volume de publicacións.

A tempada tamén puxo de manifesto a capacidade de Celta Media para conectar coas audiencias a través de formatos innovadores e narrativas diferenciais nas redes sociais, como os vídeos sobre as cidades europeas visitadas polo club ao longo do curso. Mais Celta Media demostrou ser moito máis ca unha plataforma de contido dixital. A produción de pezas audiovisuais para contar historias dun xeito diferente e poñer en valor a cultura galega e a súa relación co Celta consolidouse como unha aposta estratéxica. O spot para anunciar a renovación de Iago Aspas, «Os que nunca se renden», «A cor do Entroido» e «Heroes do Sil» son algúns dos proxectos que mellor reflicten esta visión.

Ademais, Celta Media reforzou o seu papel como produtora audiovisual, asumindo a realización de retransmisións en directo como os sorteos da Europa League, os partidos amigables, os encontros de As Celtas e das categorías xuvenís, así como a cobertura de eventos especiais, entre eles a homenaxe con drons dedicada a Iago Aspas. A incorporación de contidos xerados con intelixencia artificial e o desenvolvemento de proxectos como «Admin travels to 1998» completan unha aposta pola innovación que segue impulsando o crecemento da área.

RC Celta

Etiquetas

Celta media O Club

Noticias recomendadas